Unha homenaxe pecha o ano Antonio Fraguas, un "inocente por non colaborar coa ditadura"

O presidente da RAG destaca que representa a "preocupación" polas raíces populares nun acto no Museo do Pobo Galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O Museo do Pobo Galego acolleu este sábado o acto de peche dun ano en recordo a Antonio Fraguas, protagonista das Letras Galegas neste 2019 e que foi un "inocente por non colaborar coa ditadura e non deixar de traballar durante toda a súa vida por Galicia".

Así o recalcou o presidente do Padroado da institución, Xusto Beramendi, quen fixo a primeira intervención da homenaxe realizada o mesmo día do nacemento do escritor 114 anos despois.

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, subliñou que se trata dunha figura que "representa esa preocupación polas raíces populares" da cultura e a lingua galega.

Así mesmo, engadiu que "se algo representa a Antonio Fraguas é a conciliación", e falou do autor como alguén que se esforzaba por "saber que se pode avanzar xuntos, mesmo con certa diversidade, na creación dun país".

COLEXIOS E INTERNACIONALIZACIÓN

Por último, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, indicou que neste 2019 Antonio Fraguas "alagou" os centros educativos e "todos os puntos" da xeografía galega. Ademais, sinalou que se internazionalizou a súa figura, pois estivo presente en universidades de países como Brasil, Arxentina e Rusia.

Este acto finalizou cunha actuación do dúo Oradaladou e tivo lugar na "gran casa de Antonio Fraguas", segundo explicou Valentín García, pois o autor foi presidente e director do Museo do Pobo Galego. Alí, pecharon o ano dedicado ao escritor por ser elixido pola RAG como protagonista das Letras Galegas do 2019.

Acto de peche do ano Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego
Acto de peche do ano Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta