Polémica polo diñeiro público destinado a esterilización e identificación de animais abandonados

Medio Ambiente destina 125.000 euros en axudas e os movementos animalistas consideran "ridículo" un orzamento que se repartirá entre 313 concellos e 77 entidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente destinará 125.000 euros a axudas para a protección de animais de compañía abandonados, que serán destinados a gastos derivados da esterilización cirúrxica e a identificación. Diso informou este luns a Xunta nun comunicado, no que sinalou que as solicitudes poden presentarse ata setembro de 2020 e os gastos a cubrir serán os realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2019 e o 31 de agosto de 2020.

Segundo sinalou o Goberno galego, poderán ter subvención a esterilización cirúrxica de animais que estean en centros de acollida autorizados ou formen parte de colonias felinas reguladas e a identificación animal mediante a incorporación dun microchip.

Como informou, as principais beneficiarias serán as corporacións locais que presten servizo de recollida e xestión de colonias felinas por elas mesmas ou asociadas. Tamén o serán aquelas que presten estes servizos mediante convenios ou acordos de colaboración con outras administracións públicas, como as asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no Rexistro Galego. Dos 125.000 euros destinados, un importe de 85.000 será para gastos derivados da esterilización cirúrxica e 40.000 para identificación dos animais.

CRÍTICAS DOS ANIMALISTAS

Pola súa banda, a Asociación Animalista Libera denunciou a través dun comunicado que esta cantidade é "realmente ridícula se se ten en conta a dimensión actual do problema". Subliñou que eses 125.000 euros son a repartir entre os 313 concellos e as 77 entidades protectoras inscritas legalmente en Galicia.

Os animalistas indicaron que "esixiron unha rectificación inmediata" das axudas e unha "dotación acorde á problemática", que consideran que supón un gasto de "ao redor de 3 millóns de euros polos miles de animais abandonados".

Can en canceira.
Can en canceira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta