Sindicatos galegos lamentan o estancamento e a "precariedade" no emprego, e advirten de que "irá a peor"

Alertan sobre a destrución de emprego en Industria e Construción, e a caída da contratación indefinida

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/01/2020 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Os sindicatos lamentaron este venres o "ínfimo" descenso no número de parados rexistrados en Galicia no mes de decembro, e alertaron de que ese "estancamento", así como a "precariedade" no emprego, auguran que a situación irá "a peor" se non se toman medidas.

A CIG cualificou como "ínfimo" o descenso no número de parados rexistrados no mes de decembro, e atribuíu esa baixada á contratación no sector Servizos. Pola contra, incidiu, "destrúese emprego en Industria e Construción, o que evidencia o estrepitoso fracaso do goberno Feijóo, que abandonou á súa sorte aos sectores produtivos, limitando toda a súa acción de goberno a preparar a celebración do Xacobeo".

O secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, subliñou que, aínda que haxa 1.545 desempregados menos no sector Servizos, as oficinas do Servizo Galego de Colocación rexistraton 594 desempregados máis en Industria , 1.014 desempregados máis en Construción e 231 na Agricultura. Tacha de "grave" que máis do 92% dos contratos rexistrados en decembro foron temporais (72.122 contratos do total de 77.798), así como o descenso no número de afiliados á Seguridade Social.

Á vista destes datos, a CIG alertou de que a situación "pode empeorar", xa que o modelo económico do goberno da Xunta baséase nun sector, o de Servizos, que crea unicamente emprego "temporal e precario, vinculado ás rebaixas, festas ou a que haxa bo tempo no verán". "Un goberno galego, digno de tal nome, debería facer fronte aos problemas laborais e económicos do país, no canto de encomendarse ao Apóstolo", proclamou Cartelle, que tamén advertiu de que os acordos anunciados a nivel nacional polo goberno en funcións son "propaganda", ao non ter unha maioría parlamentaria garantida.

"ESTACIONALIDADE, ROTACIÓN E BAIXA CALIDADE"

Pola súa banda, UGT Galicia sinalou a "estacionalidade, rotación e baixa calidade" como os principais "defectos" do mercado laboral na comunidade, e volveu a reclamar a derrogación das reformas que "lastran" ese mercado "e só serviron para darlle máis inestabilidade e favorecer a precariedade".

Esta central sindical puxo o acento no feito de que o paro galego segue sendo maioritariamente feminino e tamén recalcou que, aínda que o desemprego entre os mozos menores de 25 anos descendeu nun 8,86 % en decembro, isto débese á contratación temporal e estacional vinculada á campaña do Nadal.

Con respecto aos contratos, lamentaron a "fortísima contracción" no número de contratos indefinidos, case un 14% menos que hai un ano, e un 8,86 % menos que no mes de novembro. Todo iso, concluíu, reflicte "un dos graves problemas do mercado laboral galego".

Decenas de persoas congregáronse ante o estaleiro vigués nunha concentración convocada pola CIG. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO
Decenas de persoas congregáronse ante o estaleiro vigués nunha concentración convocada pola CIG. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta