Temas: BNG ANA PONTóN

Ana Pontón: "A alternativa a Feijóo non pasa por unha soa forza política"

Defende que, se Galicia ten goberno de coalición de esquerdas, haxa "menos estridencia pública e máis debate interno" que no bipartito. Erixe o Bloque na "casa común de todos os nacionalistas", pero rexeita "présas" na reunificación: "Os procesos necesitan tempo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2020 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve "en alza" á formación e considera que os seus últimos resultados electorais a confirman como "unha forza que vai ser decisiva nesta década" que acaba de empezar. Pero tamén é consciente de que non basta "unha soa forza" para lograr que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, saia da Xunta, polo que apela á "capacidade de dialogar" das forzas de esquerdas.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"O que para min está claro é que a alternativa a Feijóo non pasa por unha soa forza política. Hai unha pluralidade e, desde a diversidade que representamos, temos que ter capacidade para poder dialogar", esgrimiu, un día despois de selar o acordo co PSOE que permitirá a investidura de Pedro Sánchez, nunha entrevista concedida a Europa Press.

Pontón evitou aclarar se, de acordo con esta premisa, os galegos verán máis iniciativas conxuntas da oposición neste ano electoral. "Non imos desvelar todos os segredos de 2020", chanceou, pero si remarca que, aínda sendo proxectos políticos "diferentes", as forzas de esquerda que sentan no hemiciclo galego teñen campos nos que poden "traballar conxuntamente".

Un repaso ás "votacións" da Cámara, indicou, dá fe diso. En todo caso, defende que como "máis cómodo" se sentiría o BNG é "cunha maioría absoluta". Pero, chegado o caso, lembra que a formación é "seria" e "sabe dialogar sobre principios e programas".

"Como é lóxico", coñece tanto a Gonzalo Caballero (PSdeG) como ao resto de dirixentes da oposición e ten con todos "unha relación moi cordial". Aínda que, máis aló do persoal, avoga por "respectar" os proxectos políticos diferentes. "Desde o respecto é máis fácil construír, quen crea que pode vir a un xogo de subordinacións vai ter un problema", advertiu.

FEIJÓO: "ESGOTADO" E CON "ELECTORALISMO CUTRE"

Dito isto, Pontón considera que "a clave" é que en 2020 hai que "ser capaces de romper a maioría absoluta que ten o PP". E é que, ao seu xuízo, o Goberno de Feijóo está "esgotado" e "nos seus últimos momentos" como evidencia que, á marxe que non dar "solucións" para "ningún problema" —en ámbitos como o sanitario ou a "crise industrial"—, limítase a "xogar a un electoralismo cutre".

Descoñece se Feijóo esgotará ou non o mandato —é unha prerrogativa súa, exclusivamente—, pero preguntada acerca das manifestacións que o presidente realizou nunha entrevista con Europa Press, en relación a que "neste momento" non ten "razóns" para adiantar, contestou que o propio Feijóo, ao cinguir a súa afirmación a "este momento", suxire que "ten todas as opcións abertas".

"Nós o que dicimos é que, canto antes as convoque, antes poremos en marcha o cambio político que necesita Galicia", augurou.

O BNG, "DECISIVO" PARA "UN CAMBIO TRANSFORMADOR"

De feito, á marxe de cando sexan as galegas, Pontón ten clara a importancia dun BNG "á alza" cuxos últimos resultados nas urnas reforzan o seu papel de forza "decisiva". "Se se quere que en Galicia haxa un cambio transformador, canto maior sexa o apoio que ten o Bloque, máis garantías teremos de que se van pór en marcha cambios estruturais", remarcou, convencida de que "a tendencia á alza" da formación verase "con toda a súa forza" nas autonómicas de 2020.

Ás portas de que se formalice a súa candidatura este mes e preguntada acerca de se a fortaleza do seu liderado contrasta coa situación no rupturismo, Pontón rexeitou pronunciarse sobre cuestións internas doutras forzas políticas e defendeu, "desde a humildade", que a mellora de resultados do Bloque é froito do "traballo colectivo".

Na mesma liña, sobre se a formación está a beneficiarse da descomposición de En Marea e se gañou afiliados, replicou que "hai moitas persoas que se achegan ao BNG nos últimos tempos", pero insiste: "Non creo que o camiño que esteamos a percorrer dependa de que outras forzas políticas teñan problemas, senón de que estamos a acertar á hora de defender un proxecto claro para este país".

"CASA COMÚN"

Case oito anos despois da ruptura de Amio, con En Marea controlada por sectores máis próximos ao nacionalismo —despois da saída de EU e Podemos, que conforman o Grupo Común da Esquerda con Anova— e o achegamento de forzas como Compromiso por Galicia, Pontón mantén que o Bloque é "a casa común de todas as persoas nacionalistas", pero tampouco quere precipitar movementos.

"Temos as portas abertas para traballar con todos os colectivos ou persoas a nivel individual que queiran contribuír para ter un proxecto sen dependencias de Madrid. (...) Creo que imos avanzando nesa dirección e que o facemos paso a paso. Pero os procesos necesitan tempo, ás veces as présas non axudan a chegar a bo porto", dixo, preguntada sobre a reunificación do nacionalismo.

En clave ideolóxica, avanza que o BNG incluirá na súa oferta electoral "a necesidade dun novo status político para Galicia" que o dote de "máis poder" e "ferramentas" para solucionar os seus problemas.

Pero preguntada sobre se Galicia seguirá o camiño de Cataluña e terá un referendo de autodeterminación no próximo mandato se o Bloque está no Goberno, respondeu que, aínda que "respecta" o procés catalán, o BNG ten "un proxecto xenuíno" que "pensa as súas propostas desde Galicia" e que non está "subordinado" a "ninguén": "nin desde Madrid, nin desde Barcelona, nin desde Bilbao".

Por iso, insistiu en que os nacionalistas galegos "respectan" o procés, pero Galicia "ten os seus propios ritmos e a súa propia realidade". "Iremos vendo como avanza esa toma de conciencia", manifestou.

"MENOS ESTRIDENCIA PÚBLICA"

Acerca de se considera que Ciudadanos (Cs) e Vox entrarán no Parlamento galego tras as próximas autonómicas, mostrouse "preocupada" sobre todo polo "ascenso" da forza de Santiago Abascal. "O PP coa súa actitude e pactos dá ás a esa extrema dereita. Preocúpame que, se entran, Feijóo pactaría con eles e asumiría o seu programa con tal de manterse no poder", advertiu.

Á espera do que ocorra, Pontón vivirá unha precampaña especial posto que en breve será nai. Sobre as críticas que no seu día recibiu Feijóo por non collerse a baixa de paternidade e dar exemplo como representante público, e que prevé facer ela, replicou que se collerá permiso de maternidade, aínda que verá coa súa parella como "axustar" os tempos.

Máis aló do persoal e de medidas como a equiparación das semanas de permiso para os proxenitores, Pontón ve urxentes outros pasos en clave de conciliación como ampliar o permiso de maternidade e garantir a educación universal "gratuíta" de 0 a 3 anos.

E se finalmente hai goberno de coalición de esquerdas en 2020, que reivindicaría do bipartito e que erros evitaría repetir? "Hai moitas cousas por reivindicar, como a política de medio rural, un desenvolvemento eólico ao servizo do país ou as políticas de apoio á nosa cultura e a nosa lingua. Só que tres anos e medio foi un tempo insuficiente para que ese proceso de cambio estrutural se visualizase con toda a súa potencia", dixo.

En canto aos erros, de haber outra coalición, concluíu que é "importante" que haxa "menos estridencia pública e máis debate interno". "E máis contundencia á hora de asumir que a sociedade galega non ten medo ao cambio, senón que hai sectores moi importantes que o que queren é que haxa cambios profundos", resolveu.

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Antolín o dos cubatas

Por qué la VOX de Galicia lle adica tantas páxinas ó BNG ?

2 Escarnasedo

Como sempre, coa Ponton ficas como estabamos, para que mollarse. Menos mal que está o Procés Catalán...

1 Viriatus

Sin que sirva de precedente Anna tiene razón. Ahora es cosa de PP-Vox. A roelo.