O españolismo de “A por ellos”

Vaia por diante a miña falla de confianza a respecto das esquerdas españolas, que amosaron a súa radical inutilidade ao longo deste ano.

Por X.A. Pérez-Lema | | 07/01/2020

Comparte esta noticia

Velaí a miña desconfianza de que cumpran a xeito os seus compromisos con Galicia, malia a boa xestión dos tempos e das-súas estreitas-oportunidades que ven de facer o BNG. Mais a coalición extremista das tres dereitas (nucleadas arredor de FAES  e da Coroa) obrígame a lle dar a  esta maioría (que non a este goberno) un voto temporal de confianza.

Por exclusión, certamente. Porque os discursos dos líderes da dereita extremista (Casado, Abascal e Arrimadas) amosaron o peor desa coalición entre o capitalismo castizo de amiguetes (o do BOE, o do palco do Bernabeu,. sempre refractario á libre competencia) e o que o profesor da USC Antón Losada, sempre acaído nas súas definicións, alcumou de patriotismo de puticlub. Como dixo aqueladamente Aitor Esteban (PNV) as dereitas extremistas españolas son como aquel home WASP (anglosaxón, branco e protestante) que manifestaba fronte ás minorías que USA era dos WASP e as minorías todas estaban de visita. Pois iso. Seica o Estado é deles e os demáis estamos de visita. Somos, pois,  cidadáns e deputadas de terceira categoría. Para a tripla coalición da praza de Colón millóns  somos malos españois e pertencemos á “cáscara amarga”.

Fronte esta visión patrimonial, clasista e catastrofista da vida pública, as esquerdas españolas haberán decidir o que queren ser de maiores. Se seguen xogar a medioñentos progres  que lle mercan a idea da España nación única ás dereitas ou se decatan de vez que sen o concurso do soberanismo galego, catalán, vasco ou canario non suman para afirmar e aprofondar as liberdades que este día negou o tripartito das dereitas.

Porque, ao longo da historia das nacións e pobos do Estado español, o progreso canto ao recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e do dereito ao autogoberno e á a libre decisión das súas distintas nacións foi sempre unido canda o progreso das liberdades e das políticas sociais.

Esta semana ábrese unha pequena xanela de oportunidade para que as esquerdas españolas, o progresismo territorial e máis os soberanismos galego, catalán e vasco poidan colaborar nun programa común para afondar nas liberdades e na democratización do Estado, pór a economía ao servizo das maiorías sociais e devolverlles ás nacións do Estado a capacidade real de autogobernarse e decidir o seu futuro.

Dende o fondo escepticismo deste desconfiado galego: vento nas velas…  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.