Feijóo suxire que no PSOE debería haber "liberdade de voto" na investidura, pero non no PP

Di que supón que haberá "moitos socialistas que teñan dúbidas acerca de se o que van facer corresponde á historia do seu partido e dos intereses xerais de España".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2020 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu este martes que o PSOE debería deixar aos seus deputados "liberdade de voto" na investidura de Pedro Sánchez para que "cada un vote en conciencia o que considere oportuno".

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

"Ameazas, ningunha; liberdade, toda", sentenciou Feijóo, tras visitar unha escola infantil en Santiago e despois de ser preguntado polas críticas de dirixentes socialistas, como Carmen Calvo, en relación ás "ameazas" recibidas antes da investidura.

Feijóo dixo que non ten coñecemento desas "ameazas" e sinalou que se a dirixente socialista ten "información" debería "denunciar". "Paréceme razoable que o faga", afirmou, para engadir que "hai momentos na vida nos que un debe votar de acordo coa súa propia conciencia".

"Hai momentos na vida nos que os partidos deixan liberdade de voto. E non é un mal momento para deixar liberdade aos deputados porque non estamos ante unha investidura ao uso, senón innovadora en 40 anos (de demoracia) e ante unha coalición que nunca se experimentou no Goberno de España", argumentou.

Neste sentido, precisou que supón que haberá "moitos socialistas que teñan dúbidas acerca de se o que van facer corresponde á historia do seu partido e dos intereses xerais de España".

Como exemplo, referiuse á entrevista que publica 'La Voz de Galicia' co exministro César Antonio Molina, na que, remarcou o presidente, este "manifesta a súa contundencia en contra do acordo de investidura".

Así, Feijóo concluíu que haberá socialistas que "están de acordo" coa coalición concretada con Sánchez e outros que non. "Ameazas, ningunha; liberdade, toda. Que cada un vote en conciencia o que considere oportuno", resolveu o presidente da Xunta, que sen embargo non suxeriu esa liberdade de voto para os deputados do PP ou doutras formacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta