Os transportistas do carbón farán a pé a última etapa do Camiño de Santiago

Teñen previstas máis medidas de protesta contra o peche da central térmica das Pontes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

Os transportistas do carbón para a central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez realizarán nos próximos días, a pé, a última etapa do Camiño Francés a Compostela, tal e como acordaron nunha asemblea celebrada desde as 20,00 horas deste martes, 7 de xaneiro, no Concello desta localidade.

O encontro entre camioneiros realizouse no mesmo día no que reactivaron o peche no edificio municipal, que foi suspendido durante o Nadal e agora volve estar en vigor, e será permanente, as 24 horas do día, noites incluídas, e só nas Pontes, ao suprimir o que tamén mantiñan en Ferrol.

O presidente da Asociación de Transportistas de Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, trasladou a Europa Press que na devandita asemblea se realizou "un balance das accións desenvolvidas ata o momento e daquelas previstas de aquí en diante".

"Entre elas esa última etapa do Camiño de Santiago, que será nos próximos días, unha vez teñamos todo pechado, posiblemente un venres e que son algo máis de 20 quilómetros", explicou, ao mesmo tempo que manifestou que teñen previstas "outras medidas de protesta" das que informarán o día que as fagan, "xa que son sorpresa", matizou.

UTILIZACIÓN DE LODOS

Noutra orde de asuntos, nesta asemblea de transportistas tamén se lles informou que Endesa ten previsto utilizar en marzo lodos mesturados con carbón para estudar a viabilidade desta materia prima como sistema de diminución de emisións.

Bouza estimou que estas probas deberían de ser "moi positivas, ao utilizar lodos procedente de depuradora e que deben de sufrir un tratamento previo á súa utilización, coa mestura doutros produtos, como cal".

"Os lodos que nós pensamos que hai que utilizar nestas probas teñen case as mesmas calorías que tiña o carbón que se extraía na mina das Pontes, o lignito pardo", lembrou para incidir en que "esta central térmica foi construída para ese carbón", en alusión ao utilizado durante varias décadas e que se extraía das proximidades da central, onde hoxe existe o lago.

A central termica das Pontes (A Coruña).
A central termica das Pontes (A Coruña). | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta