O PSOE pide a implantación dos títulos de Moda e Enoloxía en Ourense

O grupo municipal reclama a "restitución da exclusividade" de varios estudos impartidos na cidade das Burgas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O PSOE local solicitou a implantación no Campus de Ourense de dúas novas titulacións, concretamente os estudos de Moda e Enoloxía, pola súa "estreita vinculación" aos sectores produtivos da provincia.

Así o explicaron este mércores os concelleiros socialistas Natalia González e José Rúas, que debullaron a moción con estas reclamacións que defenderá o grupo municipal no próximo pleno do Concello de Ourense, previsto para este venres, 10 de xaneiro.

O texto da moción, conforme sinalaron, tamén contempla a restitución da exclusividade de varias titulacións impartidas no Campus de Ourense que "a Xunta de Galicia decidiu compartir con outras universidades de maneira arbitraria".

A este respecto, o PSOE entende que "o restablecemento do dano causado ao Campus de Ourense pasa por vincular o seu futuro ao tecido empresarial da provincia", segundo explicou o edil socialista, José Rúas.

Deste xeito, o grupo municipal socialista fixo referencia, unha vez máis, a Ourense como "capital da moda". Unha premisa xa incluída no seu programa electoral das pasadas edicións no que tamén se propuña a dotación dun Museo da Moda na provincia, situado no edificio da estación de San Francisco.

Para solicitar a implantación dun Grao de Moda baséanse nos datos que sitúan Galicia como "a primeira autonomía en exportación de produtos téxtiles e a Ourense como a segunda cidade galega en venda de roupa e complementos", segundo manifestou Rúas.

Neste contexto, os socialistas de Ourense iniciaron conversacións cos responsables das marcas vinculadas á Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), radicada en Ourense, co obxectivo de manter unha reunión conxunta co Reitorado da Universidade de Vigo. O propio reitor da Universidade de Vigo xa lles trasladou a súa disposición para manter un encontro, segundo explicaron os socialistas. Unha cita que, previsiblemente, terá lugar a "finais de xaneiro".

Rolda de prensa do PSOE en Ourense.
Rolda de prensa do PSOE en Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta