Gonzalo Caballero non ve opcións ao PP de manter a maioría absoluta en Galicia

Defende que o Goberno de Sánchez "beneficia" a Galicia e non teme "descoordinacións" na coalición con Unidas Podemos que pasen factura aquí.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/01/2020 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu este mércores que "a coalición progresista" que encabeza Pedro Sánchez "beneficia" a Galicia e engadiu que "o cambio en España afianza o cambio" no ámbito galego, antes de subliñar que o PPdeG non ten opcións de manter a maioría absoluta e avisar ao presidente da Xunta: "Dixo que confía en Galicia, pero os galegos xa non confían en Feijóo".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Caballero trasladou a súa "satisfacción" polo feito de que España vaia contar cun "Goberno progresista que frea a coalición das dereitas coa ultra dereita, e que evita unhas terceiras eleccións" no país.

"Unha coalición progresista que permitirá que España siga avanzando fronte á involución da dereita", esgrimiu antes de engadir que tamén impulsará unha axenda que dará "prioridade" ás políticas sociais e que velará por outras cuestións como o impulso "dunha transición ecolóxica xusta".

O dirixente socialista recalcou que lle "preocupa" o discurso da ultradereita, posto que "pon en risco as liberdades, dereitos sociais e igualdade", e tamén que a que aspira a ser "dereita civilizada e moderna" —en referencia ao PP— lle faga " o xogo" a partidos como Vox.

Subliñou que na pasada xornada 13 dos 23 deputados galegos no Congreso (PSdeG, Galicia en Común e BNG) votaron a prol da investidura de Sánchez dando "reflexo" a unha "maioría social progresista" que confía en que se traslade a Galicia tras as próximas eleccións autonómicas.

"A Galicia iralle ben cun Goberno progresista. Foinos ben desde xuño de 2018 ata agora e seguirá beneficiando aos galegos", garantiu, antes de incidir que, precisamente por iso, os cidadáns galegos votaron "maioritariamente" opcións progresistas "en todas as eleccións de 2019", o que se traduciu "nos peores resultados da historia" para o PP.

"PREPARADOS" PARA CALQUERA ESCENARIO

Caballero repasou varios asuntos da axenda social, aos que sumou novos "retos" para Galicia, como a industria, infraestruturas ou a AP-9, para concluír que no plan de Sánchez "hai proxecto, contido e propostas que benefician a Galicia" e que aos galegos "lle convén o Goberno progresista" que lidera o socialista.

Nesta conxuntura, reafirmouse en que "o cambio en España afianza o cambio en Galicia e en que é preciso "seguir trasladando" á "maioría social progresista" que permite a coalición estatal que é "necesario camiñar xuntos cara ao cambio e cara ao progreso" para "construír un tempo novo".

"Feijóo dixo que confía en Galicia, pero os galegos xa non confían en Feijóo. A maioría de Galicia confía no progreso fronte á involución das dereitas coa ultradereita, que nesta Comunidade personifican Feijóo e o PPdeG", sinalou, antes de lamentar que os 'populares' non quixesen "entender a mensaxe da cidadanía nas urnas" e sigan "no rumbo da desesperación".

Caballero asegurou, á espera de que Feijóo convoque as autonómicas, que os socialistas galegos están "preparados" para "calquera escenario electoral de aquí a outono", haxa ou non adianto.

"Somos a esquerda que sabe gobernar. Superamos todas as probas e estamos convencidos de que, en 2020, cando Feijóo dea opción de pronunciarse, a maioría dos galegos que xa non confía en Feijóo referendará unha maioría progresista liderada polo PSdeG", prognosticou.

NON TEME "DESCOORDINACIÓNS" EN MADRID

Caballero mostrou a súa confianza en que os orzamentos que poida articular o Goberno central terán en conta os problemas de Galicia, así como as súas "prioridades" en materia social e industrial. "Todo o que non fixo Feijóo como presidente da Xunta con Mariano Rajoy en España abordarémolo cun Goberno presidido por Sánchez co impulso do PSdeG", dixo.

Non en balde, garantiu que os problemas galegos "estarán no Consello de Ministros". Mentres, remarcou que, en Galicia, "todas as forzas progresistas" traballan "día a día" demostrando que "o proxecto político de Feijóo está esgotado" á espera de que se celebren as eleccións "e emerxa a nova maioría social que se plasme nun Parlamento cun Goberno progresista".

Sobre a elección de Yolanda Díaz como ministra non quixo pronunciarse e indicou que corresponde a Sánchez elixir os membros do seu gabinete, polo que toca "esperar uns días". En todo caso, deu por feito que deseñará un Goberno "magnífico".

Así mesmo, rexeitou que poida haber "descoordinacións" no seo da coalición que gobernará España. "En absoluto" considera que poidan producirse. A modo de argumento, referiuse á "enorme satisfacción e emoción" que, ao seu modo de ver, se respirou na pasada xornada, pola "maioría progresista".

No polo oposto, mostrouse convencido de que "o problema o terán as dereitas", tamén en Galicia. E é que advertiu que o PPdeG "non ten opcións" de manter a maioría absoluta e puxo as súas contas enriba da mesa: os 'populares' necesitarían unha porcentaxe de apoio superior ao 40 por cento e, de acordo cos resultados dos últimos comicios celebrados, cre que non o lograrán.

Así as cousas, alertou de que o PPdeG poida pactar con Vox, se entra na Cámara galega, para manter o poder. "Os galegos terán que decidir se avanzar cunha coalición de progreso liderada por un PSOE forte que tamén gobernará en España ou un escenario de riscos no que o proxecto esgotado de Feijóo se pode mesturar con compañeiros de viaxe que nos asustan cando falan no Congreso", avisou.

SITUACIÓN DE CATALUÑA NON DETERMINANTE

Por outra banda, sobre a factura que poida pasar en Galicia a cuestión catalá e o pacto de Sánchez con formacións como ERC, Caballero restoulle relevancia e esgrimiu que os estudos demoscópicos evidencian que os galegos concenden máis importancia a outras cuestións.

"O PP multiplicou en Cataluña o número de independentistas. Non atopou ningunha solución nin vía de futuro para resolver un conflito de tanta complexidade", advertiu, antes de engadir que os socialistas consideran que o diálogo político "é positivo dentro da Constitución".

Pero tamén que "máis aló da axenda de resolución do conflito catalán dentro da lei", España "ten que seguir avanzando". Neste sentido, mostrouse convencido de que os galegos "votan" en función das demandas da súa realidade económica, social e cultural, non segundo "a realidade de Cataluña".

Finalmente, sinalou que, ao igual "que en todos os lugares do mundo onde hai reclamacións independentistas", levará "moitos anos" liquidar o asunto catalán. Pero augurou que a adopción de "medidas progresistas" por parte do Goberno de Sánchez permitirá "desinflar a burbulla independentista".

"Nós non somos nacionalistas nin independentistas. Respectamos a liberdade de cada quen para pedir o que queira, pero a soberanía está no conxunto de España e hai que respectar o marco legal, porque sen normas nin leis non hai democracia en ningún lugar do mundo", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta