Política Lingüística desoe o Consello de Europa: "O decreto do idioma cumpre a súa función"

Valentín García defende a boa saúde do galego e apela a crear espazos de uso en todos os ámbitos sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantense firme ante o último toque de atención do Consello de Europa sobre o galego no ensino. O departamento autonómico defendeu que tanto o sistema educativo, como o decreto do plurilingüismo, cumpren "a súa función" e que o problema da lingua propia non afecta a unha cuestión de coñecemento, senón que a "materia pendente" é incentivar o uso entre a poboación.

O informe realizado polo comité de expertos sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias advertiu de que a situación do galego "non mellorou significativamente", posto que as análises sociolingüísticas e os datos estatísticos advirten tanto da caída de falantes como que a transmisión xeracional "xa non está garantida", do mesmo xeito que cae "significativamente" a proporción de mozas que usan o idioma na súa vida diaria.

O documento alertou, especificamente, de que a presenza do galego no sistema educativo é "insuficiente", e "particularmente no nivel de preescolar", e recomendou á Xunta que se eliminen de inmediato as "limitacións" existentes para impartir docencia neste idioma.

No entanto, o titular de Política Lingüística, Valentín García, non coincidiu co diagnóstico do Comité de Expertos, que "non se axusta exactamente á realidade", e matizou que os datos estatísticos reflicten, precisamente, que o galego se atopa "no nivel de competencia máis elevado" da historia de Galicia.

"O sistema educativo está a facer a súa función" (do mesmo xeito que o decreto do idioma), sinalou en declaracións aos medios, aínda que si recoñeceu que a cuestión do uso segue sendo a "materia pendente" que é necesario abordar desde as administracións públicas.

A pesar diso e de que asume que existen cifras "preocupantes", García defendeu que o galego "segue sendo a única lingua cooficial" que conta con maior uso de todas as do Estado, coa excepción do castelán, e que en Galicia "é maioritaria" (o 51,8% declara usar só galego ou máis que o castelán).

DE "TODA A SOCIEDADE"

O responsable autonómico argumentou, neste sentido, que o 90 por cento da mocidade, no tramo de idade de 15 e 26 anos, "saben falar, entender e usar moito ou bastante o galego", polo que a acción de dinamización lingüística debe ir encamiñada a crear espazos "nos que eles vexan útil falalo".

"A materia pendente é que o usen e o falen entre eles", reiterou, para insistir en que o sistema educativo é o que proporciona "competencia e actitude" e non "o uso", que é responsabilidade "da sociedade no seu conxunto". A acción do Goberno galego estará dirixida, entón, a apelar á sociedade e a proporcionar e incentivar a creación deses "espazos de uso", necesarios tanto na sanidade e na xustiza, como no deporte e no tempo de lecer.

Aula de Infantil. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo
Aula de Infantil. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Certamente, o decreto do idioma cumpre a sua função! A tendência é a desaparição da nossa língua! Se o objetivo e qualquer outro, não sei, que não desapareça, que se poda usar de maneira habitual, que não che mirem coma um bicho raro, pois o decreto vai totalmente contra da supervivência do galego!