Feijóo pide un PP "moderado e coherente" fronte ao "extremismo"

Considera que hai "dous gobernos" no Executivo central e di que "oxalá Sánchez incumpra os seus compromisos co independentismo e o populismo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/01/2020 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que, aínda que en España se pechou a etapa de "bloqueo", seguirá a "inestabilidade" porque "dous gobernos non suman un goberno", senón que "suman cero gobernos" e remitiuse á experiencia do bipartito na Xunta entre 2005 e 2009. En fronte, ao seu modo de ver, debe estar un PP que faga oposición desde "a moderación, a coherencia e a estabilidade" en contraposición co "extremismo".

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Tras a investidura do socialista Pedro Sánchez, a quen felicitou por redes sociais, carta e este xoves a través dos medios de comunicación, Feijóo sinalou que, "do mesmo xeito que a maioría de votantes do PSOE", non pode ser "optimista" en relación a un Executivo que nace tras un proceso de "incoherencias, moitas medias verdades e mentiras".

"E dun Executivo sustentado en apoios aos que, textualmente, España impórtalles un comiño", engadiu, antes de reafirmarse en que "a inestabilidade" non acabou no Goberno de España. "Oxalá me equivoque, porque sería bo para os españois e os galegos; e oxalá teña moitos máis acertos Sánchez do que acertou na elección dos seus socios", apelou.

"E oxalá Sánchez incumpra con tanta intensidade como veu incumprindo nos últimos meses tamén os compromisos co independentismo e o populismo. A única posibilidade de que este Goberno teña éxito será que lles mentiu tamén a eles. Sería bo para Sánchez, o Goberno e o conxunto da nación", engadiu.

Todo iso, antes de subliñar que "España non lle debe nada ao nacionalismo nin ao independentismo", polo que instou a Sánchez a "sentirse libre" a pesar dos "compromisos" asumidos.

"O PP É O PARTIDO QUE MÁIS COACCIÓN SUFRIU"

Preguntado pola oposición que debe facer o seu partido, o PP, con Pablo Casado á fronte, Feijóo arrincou a súa resposta cunha reflexión: que houbo "unhas xornadas tensas" no Congreso "probablemente pola transcendencia da primeira coalición de extrema esquerda" no Goberno de España. Non en balde, lembrou que o PSOE historicamente "sempre se negou a pactar co Partido Comunista".

A "tensión" tamén a vinculou coa "dimensión dos embustes e subas de ton dos independentistas, sobre todo de Bildu e ERC". A pesar diso, sinalou que Sánchez foi "investido con normalidade" e aproveitou para volver felicitarlle.

Dito isto, esgrimiu que, cando gobernaban os populares, se adoitaron "a que o Congreso estivese "rodeado por seguidores de partidos que hoxe están no Goberno" e que "moitos dirixentes" do seu partido e do Goberno sufriron mesmo "escraches nas súas casas cos seus fillos e os seus familiares" por parte de "políticos que hoxe están no Goberno e no Congreso".

"Se hai un partido que sabe o que é sufrir acoso e coaccións é o PP. Se hai un partido que lamenta calquera acoso e coacción é o PP, que é o que máis coacción sufriu", sentenciou.

"MODERACIÓN, COHERENCIA E ESTABILIDADE"

En canto ao papel que debe xogar o PP de Casado, Feijóo subliñou que os populares conforman "un partido de Estado, responsable e coherente". "Imos seguir sendo responsables e coherentes. A alternativa a este goberno extremista é a moderación, a coherencia e a estabilidade; e a nosa oposición ten que estar baseado na moderación, a coherencia e a estabilidade", apostilou.

Non en balde, alegou que o PP é o "único" que pode ofrecer esta "moderación, coherencia e estabilidade", non así "o PSOE cos seus socios populistas", nin os partidos independentistas, nin tampouco Vox.

"Nós si. É o noso aceno de identidade. E así afrontaremos a oposición fronte á incoherencia e a inestabilidade", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta