Levantan a prohibición de plantar pataca en nove concellos galegos afectados pola couza guatemalteca

Con esta decisión, permitirase plantar pataca, aínda que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/01/2020 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

A Xunta e o Ministerio de Agricultura acordaron este xoves levantar a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo, afectados pola couza guatemalteca.

As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan
As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan | Fonte: lapatata.es

Con esta ratificación, o Diario Oficial de Galicia publicará nos próximos días unha resolución para facer efectivo o levantamento da prohibición nos municipios lucenses de Ourol e Abadín, así como nos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez.

Esta medida xa fora avaliada e proposta na última reunión da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, que tivo lugar o pasado 11 de decembro en Santiago.

Naquel encontro, constatouse unha evolución "moi positiva" na redución de capturas en todos os municipios da zona afectada e que en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, polo que se permite levantar as restricións. Estes concellos pasarán así de ser zona infectada a zona tapón.

Con esta decisión, permitirase plantar pataca, aínda que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación, co obxectivo de controlar a expansión da praga da pataca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta