Só cinco das 53 comarcas galegas gañan poboación

Son A Coruña, Santiago, Betanzos, Ourense e Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2020 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Só cinco das 53 comarcas galegas gañan poboación a 1 de xaneiro de 2018 en comparación co ano anterior, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, as comarcas que gañan poboación son: A Coruña (2.598 persoas máis ata 398.454), Santiago (aumenta en 837 habitantes ata 167.954), Betanzos (tres máis ata 38.735), Pontevedra (incremento de 194 ata 124.816) e Ourense (187 máis ata 141.442).

De feito, dáse a circunstancia de que as que aumentan habitantes son catro das cinco comarcas máis poboadas no país. No outro extremo, Terra de Caldelas é a comarca que sofre a caída de poboación máis acusada porcentualmente, ao perder o 4,42% dos seus habitantes (pasa de 3.051 a 2.916 persoas).

Así mesmo, ademais de Terra de Caldelas, hai outras cinco comarcas que perden máis do 2% da súa poboación: Baixa Limia (-2,62%), Terra de Trives (-2,31%), Ancares (-2,15%), Fonsagrada (-2,03%) e Meira (-2,02%).

Neste informe do IGE, publicado este venres, recóllense datos a 1 de xaneiro de 2018, data na que Galicia contaba con 2.703.149 habitantes. As cifras máis actualizadas publicounas o INE esta semana, onde figura que a 1 de xullo de 2019 --datos provisionais-- a poboación galega xa cae dos 2,7 millóns de persoas.

GAÑAN POBOACIÓN CINCO DO SETE CIDADES


No tocante ás sete cidades galegas, só dúas delas (Vigo e Ferrol) perden poboación entre o 1 de xaneiro de 2017 e de 2018. En detalle, Vigo perde 1.889 habitantes e queda en 286.029, mentres Ferrol queda sen 719 residentes e descende a 66.180, segundo o IGE.

Pola súa banda gañan poboación as cidades de: A Coruña (son 1.112 máis e un total de 242.089), Ourense (oito máis e 103.188 en total), Lugo (154 máis e 97.113 en total), Santiago (372 máis e 97.088 en total) e Pontevedra (278 máis e 81.148 en total).

Xente andando pola rúa. ÓSCAR DEL POZO
Xente andando pola rúa. ÓSCAR DEL POZO | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta