Bugallo, sobre o novo Goberno: "Os nomes que van soando son tranquilizadores"

O alcalde de Santiago iniciará a partir do luns unha "rolda de entrevistas" cos ministros para tratar as cuestións pendentes coa capital galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou este venres que sería "tranquilizador" para a cidade que o ata agora ministro de Fomento, José Luis Ábalos, mantivese estas competencias no futuro Goberno de Pedro Sánchez, a cuxos ministros pedirá a partir do luns unha "rolda de entrevistas" para tratar as cuestións pendentes coa capital galega.

"Todos debemos sentir alivio de que por fin haxa un Goberno en plenitude de facultades en España", dixo o rexedor que, a pesar dos nomes que se foron confirmando estes días, instou a esperar que sexa o presidente do Goberno o que os ratifique. "Os nomes que van soando, as noticias ata agora, son bastante tranquilizadoras con respecto aos proxectos da cidade", dixo.

Entre os proxectos pendentes para Compostela adquire especial relevancia a carteira de Fomento que, a falta do anuncio oficial, seguirá levando o ata agora ministro, José Luís Ábalos, aínda que cambiará o seu nome a Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

Neste sentido, o alcalde de Santiago lembrou que a cidade ten pendentes proxectos de envergadura como a ligazón orbital, aprobado no último consello de ministros antes da investidura, a unión deste coa estrada da Coruña --coñecido como o 'orbitaliño'-- ou a modificación da addenda ao convenio da intermodal para eliminar a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros para as obras da terminal ferroviaria.

"Para min sería tranquilizador que as persoas coas que levamos avanzando estes temas este seis meses sexan as que permanezan", dixo o alcalde, que mencionou tamén á presidenta de Adif e precisou que "se houbese cambios, habería que reiniciar as conversacións".

Entre outros temas pendentes para a cidade, o alcalde mencionou tamén a Edar e a preparación do Ano Santo 2021, principalmente no relativo á convocatoria do Real Padroado.

Finalmente, Sánchez Bugallo valorou o acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura, xa que "contribúe a que poida haber un Goberno", aínda que non inclúe "temas específicos de Santiago". Con todo, precisou, trátase dun acordo de "ámbito galego" e non "local", polo que, resolveu: "Non lle vexo ningún elemento negativo".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta