Temas: ANA PONTóN BNG

O Consello Nacional do BNG proclama este sábado a Ana Pontón candidata á Presidencia da Xunta

O máximo órgano do Bloque entre asembleas abordará tamén a cita coas urnas "co obxectivo de mobilizar ao conxunto da organización".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2020 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O BNG celebrará este sábado o primeiro Consello Nacional deste 2020, que terá como punto principal a proclamación da súa portavoz nacional, Ana Pontón, como candidata á Presidencia da Xunta para as eleccións galegas deste ano.

A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón
A portavoz Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

O nomeamento oficial de Pontón como cabeza de cartel para as galegas, previstas agás adianto para setembro, terá lugar tras finalizar un proceso de primarias ao que concorreu como única aspirante. De feito, presentou a principios do mes de decembro un total de 1.252 avais, seis veces o mínimo requirido.

Ademais, tal e como valora o BNG, a portavoz nacional cultivou un apoio "practicamente unánime" entre as bases nacionalistas, "sen ningún voto en contra", o que demostra o "consenso que suscita" a súa figura.

No Bloque pechan filas ao redor da líder, a quen ven como "valor seguro" para disputar a carreira para as autonómicas,.

Despois de que este sábado Ana Pontón sexa proclamada candidata á Xunta, será unha dos dos dous claros cabezas de cartel de car aos próximos comicios, tendo en conta que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi nomeado candidato dos socialistas xa en novembro do 2018.

Neste contexto, aínda falta por saber se o actual presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, optará á reelección, e a fórmula escollida polo 'rupturismo' da esquerda galega para concorrer ás urnas. E é que, tras o final do proxecto de En Marea como plataforma, deste espazo político tan só Esquerda Unida xa seleccionou á súa candidata —a súa coordinadora nacional, Eva Solla—, á espera de se repite a súa alianza con Podemos e Anova.

"MOBILIZAR O CONXUNTO DA ORGANIZACIÓN"

O Consello Nacional do BNG deste sábado tamén abordará a próxima cita coas urnas "co obxectivo de mobilizar o conxunto da organización para empezar a traballar desde xa" nestes comicios que a formación encara "con ambición e sen porse límites".

Convencidos da necesidade de "abrir un tempo novo" que "deixe atrás a década negra de Feijóo", os nacionalistas galegos analizarán o acordo de investidura alcanzado co PSOE hai unha semana.

Segundo valoran no Bloque, o documento asinado para que Néstor Rego dese o seu 'si' a Pedro Sánchez no Congreso "permite desbloquear asuntos claves para o país en materia de infraestruturas, sector industrial, benestar social e igualdade e autogoberno".

"Un acordo que, ademais, demostra a utilidade de ter forzas políticas propias e coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, capaz de facer valer Galicia ante o Estado sen ataduras nin submisións", reivindica finalmente o BNG.

Temas: ANA PONTóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Canto seitarismo

Cando debían de ter nomeado a algún comentarista de por aquí o mais hostil posible