Temas: FEMP FEGAMP

As federacións de municipios galega e española piden "parar a deriva" de asumir competencias impropias sen financiamento

Reclaman á Xunta máis fondos e unha repartición "máis xusta" con "criterios obxectivos".

Por E.P. | VIGO | 10/01/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

Os presidentes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, pediron este venres "parar a deriva" que fai que os concellos asuman competencias impropias sen financiamento.

Reunión do presidente da FEGAMP e alcalde de Vilgarcía, Alberto Varela, e do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero
Reunión do presidente da FEGAMP e alcalde de Vilgarcía, Alberto Varela, e do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero | Fonte: Europa Press

Tras manter un encontro institucional no Concello de Vigo, ambos expresaron a súa disposición a colaborar para alcanzar os "retos" que o municipalismo debe afrontar nos próximos anos.

O presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía (Pontevedra) sinalou, entre eses retos, o de "dar a batalla" para frear a deriva "natural" que fai que os concellos estean a asumir "cada vez máis competencias" que non lles corresponden e que non están acompañadas de financiamento.

Na mesma liña pronunciouse o presidente da FEMP e rexedor de Vigo, Abel Caballero, quen lamentou que, no caso da Xunta de Galicia, "non só non financia" adecuadamente os municipios, senón que son estes os que financian a Administración autonómica, ao asumir e pagar as súas obrigas.

Como exemplo, sinalou que Vigo recibe do goberno galego 5 millóns de euros e, con todo, destina das arcas municipais 21 millóns a "pagar obrigas da Xunta". "Isto tense que acabar (...), os concellos temos que empezar a manifestar que nos negamos a asumir competencias que non veñan con financiamento", proclamou.

CRITERIOS DE REPARTICIÓN "SECTARIOS" E "RIDÍCULOS"

O alcalde de Vigo reclamou que se modifiquen os criterios do goberno galego para repartir os fondos entre os municipios, uns criterios "ridículos" e "sectarios". "Galicia está entre as peores comunidades en financiamento local", lamentou, e pediu que o goberno galego incremente os fondos "incondicionados" que destina ás entidades municipais.

Segundo criticou, hai partidas destinadas a financiar iniciativas locais que se reparten "por orde de entrada" dos proxectos, e que "algúns concellos, que teñen información privilexiada, xa os meten ás doce e tres segundos". "É un criterio ridículo (...), hai que ter criterios competitivos e dar un prazo", engadiu.

Así mesmo, tamén denunciou a repartición de fondos discrecionais por parte do goberno de Núñez Feijóo que, por exemplo, outorga a mesma cantidade para creación de emprego ao concello de Mos, con 15.000 habitantes, e ao de Vigo, con case 300.000.

O presidente da FEMP avanzou que elaborará unha listaxe de "accións en contra do municipalismo" por parte da Xunta e que, en coordinación coa FEGAMP, se porá en contacto co Goberno galego para trasladarlle o seu rexeitamento.

Por outra banda, e no ámbito estatal, Caballero reiterou a súa demanda de que os fondos dos municipios se negocien "en paralelo" co financiamento autonómico.

REPARTICIÓN "MÁIS XUSTA"

Alberto Varela tamén se referiu a a necesidade de aumentar o financiamento dos concellos, e lembrou que a propia Constitución recolle que os entes locais deben financiarse, ademais de cos seus propios ingresos, coa participación nos ingresos do Estado e das Comunidades Autónomas.

O presidente da FEGAMP pediu, así mesmo, que a repartición de fondos por parte da Xunta sexa "máis xusta" e se faga "con criterios obxectivos", algo que "agora non pasa".

Temas: FEMP FEGAMP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta