Lastra ve a Feijóo como "o máis de ultradereita" a pesar de que "parecía o progre do PP"

Asegura que a "axenda galega estará no centro" do goberno e Caballero avisa de que a Feijóo lle quedan "8 meses" na Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2020 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz no Congreso, Adriana Lastra, chamou ao líder dos populares, Pablo Casado, á "moderación" para evitar a "destrución" do Partido Popular e afeou que a dereita "non acepte" a investidura.

Adriana Lastra participou este sábado en Santiago de Compostela nun acto organizado polos socialistas galegos, no que asegurou que o PP ten "dúas opcións" fronte a unha "ultraderedeita" que vén arrasar " con todo". "Ou tentar volver ser unha dereita democrática, liberal pero democrática, ou deixarse levar e arrastrar pola ultradereita neofranquista", sinalou.

Ante iso, lembrou que o PP "ten entre as súas filas a moitas persoas que son verdadeiramente demócratas e que están arrepiados" cos pactos con Vox e convidou a Casado a "devolver ao seu partido á moderación" porque diso "dependerá o futuro" da democracia.

"Espero que o PP volva ser un partido da dereita democrática deste país e sei que vós tamén o queredes. Sei que vós tampouco queredes que o Partido Popular se converta nunha franquía de Vox como parece que se está convertendo incluso o señor Feijóo", argumentou dirixíndose aos socialistas presentes.

"FEIJÓO, O MÁIS DE ULTRADEREITA"

Neste sentido, considerou que "noutras épocas" o actual presidente da Xunta "parecía que era o progre do PP". "Pero empézase a descubrir que pasou coma con outros", manifestou para lembrar que tamén "todo o mundo pensaba" que Alberto Ruiz Gallardón "era a dereita moderada".

"Pois o mesmo lle está pasando ao señor Feijóo, que todo o mundo pensaba fóra de Galicia que era a dereita moderada e estase vendo que ao final vai ser o máis de ultradereita de todo o PP", sinalou para cargar contra a "confrontación" do líder do PPdeG contra o goberno de España.

"OPOSICIÓN LEAL E CONSTRUTIVA"

Na súa intervención, ademais, Adriana Lastra criticou que a dereita "non acepte" o resultado da investidura. "A dereita ten un sentimento respecto ao poder en España coma se fose o seu patrimonio, coma se o poder neste país fose seu e nós fósemos uns usurpadores e, como diría Alfonso Guerra, non dormen polas noites pensando que están os socialistas no poder". "Pois non queda nada", manifestou.

Por último, chamou ao Partido Popular a facer unha "oposición leal e construtiva" como a que "sempre" fixo o Partido Socialista. "Porque así se conseguen avances sociais para todos, doutra forma só se constrúe a destrución do seu partido".

A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, arroupa aos socialistas galegos nun acto en Santiago de Compostela
A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, arroupa aos socialistas galegos nun acto en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

NOVO INTERLOCUTOR EN GALICIA

Adriana Lastra asegurou tamén que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, necesita un novo "interlocutor" en Galicia ante o "déficit" de xestión do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Que cando falemos da industria saiba o que é a industria, que cando falemos das electrointensivas, que saiba o que é, que cando falemos de apoiar aos traballadores de mar, que saiba o que é...", manifestou.

E é que, para Adriana Lastra, o actual presidente da Xunta limítase a "xogar á confrontación permanente co goberno do Estado" porque "ten un déficit de xestión evidente". "Non sabe xestionar esta terra e o que é peor, ademais, é que tampouco quere aprender", considerou.

Por iso, subliñou a importancia do "reto" que arrinca --en referencia ás autonómicas-- e que pasa por "conseguir que todo ese caudal de confianza das eleccións de novembro e abril se revalide e que sexa aínda maior". "Que poidamos levar o noso proxecto de futuro ata o último recuncho de Galicia, que consigamos estender o noso proxecto nacional ata o último recuncho de España", expresou.

"AXENDA GALEGA NO CENTRO"

Ademais, Adriana Lastra asegurou que "hai moitas cousas por facer" e subliñou que "Galicia ten unha axenda clara" no Consello de Ministros. "Pídeme o presidente do Goberno que traslade que a axenda galega está no centro do consello de ministros", sinalou.

Así, destacou o compromiso do Executivo estatal para traballar polos agricultores, a xente do mar, a industria, entre outros. "É cumprir coas infraestruturas, como empezamos a facer hai uns meses cando aprobamos a proposición de lei da AP9 no Congreso, que agora se viu reflectida", sinalou.

Sobre esta cuestión e tras cargar contra a xestión da autoestrada por parte do goberno de Aznar e da ministra Ana Pastor, considerou que "tivo que chegar un ministro valenciano", en referencia ao socialista José Luís Ábalos, para "solucionar" este tema, un avance no que tamén puxo en valor as xestións feitas polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

"Somos 120 deputados pero somos moi bos e, se con 84 fomos capaces de facer moitas cousas, imaxinádevos con 120 agora", proclamou Adriana Lastra, que reivindicou "o poder transformador" da política. Por último, asegurou que a "maioría de esquerdas" que se configurou en Galicia despois das eleccións de 2019 "vai ter tamén respaldo despois das próximas eleccións autonómicas en Galicia". "Porque é verdade que se necesita un cambio real en Galicia", sinalou.

FEIJÓO, "LÍDER DA MERCADOTECNIA PERO UN FRACASO NA XESTIÓN"

O acto foi encabezado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen asegurou que a Feijóo lle quedan "oito meses" para terminar a súa etapa á fronte da Xunta. "Porque somos centos de miles os que estamos fartos", sinalou.

"É un líder da mercadotecnia pero un fracasado na xestión política", resaltou o xefe de filas dos socialistas galegos, que incidiu en que "Galicia necesita un goberno progresista que reme a favor dos tempos" en lugar de "confirmarse como o resorte da dereita troglodita e retrógrada".

É por iso que, como asegurou, o PSdeG ten como retos "gobernar con acerto a próxima lexislatura e manter ese goberno estable para Galicia". "Estamos preparados, cos deberes feitos e con todos os exames electorais de 2019 aprobados con nota", recalcou para asegurar que o PSdeG está "preparado" para cando Feijóo queira convocar as autonómicas.

"Queremos traballar por unha Galicia mellor, de oportunidades, de futuro, porque o balance de 11 anos de Feijóo é negro para os galegos e as galegas", incidiu Gonzalo Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta