O PP pretende ser o líder da reindustrialización de Ferrolterra e critica a mesa de traballo do PSOE

Sinala directamente ao "desgoberno" de Pedro Sánchez, pois "de nada valeron as súas promesas" ao alcalde das Pontes, porque a súa intención "era clara: pechar Endesa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O PP da provincia da Coruña postúlase como "o partido que liderará" o proceso de reindustrialización da comarca de Ferrolterra, pero desmárcase da mesa de traballo (encabezada polo PSOE) na que o pasado xoves se reuniron concellos, sindicatos e empresarios.

Naquel encontro, o alcalde socialista de Ferrol, Ángel Mato, subliñou que se crearían "varias comisións para o desenvolvemento económico" da zona. Precisamente isto é o que o PP da Coruña critica e, este sábado, cargou contra "as pretensións" do PSOE neste ámbito. Os populares explicaron nun comunicado que os socialistas "se renden e asumen o peche" da central térmica das Pontes e despois "montan un treatillo para facer que pelexan pola reindustralización".

"Ante a decisión do PSOE de Ferrolterra de aceptar o peche das súas empresas", o PP postúlase como "o partido que liderará a súa reapertura e a recuperación dos postos de traballo", tanto os propios da central térmica, como os das empresas auxiliares ou transportistas de carbón. Pero, fronte a unha mesa de traballo presidida polo PSOE dan un "non rotundo e definitivo".

Na mesma liña criticaron que os socialistas "pechan empresas e negan traballo aos estaleiros para logo enganar sen escrúpulos a unha poboación repetidamente castigada polas súas nefastas políticas de emprego e industria". Ademais, sinalaron directamente ao "desgoberno" de Pedro Sánchez, pois "de nada valeron as súas promesas" ao alcalde das Pontes, porque a súa intención "era clara: pechar Endesa".

Ante as críticas por non participar na reunión do pasado xoves sobre a mesa de traballo, o PP asegurou que "non van participar nunha aparente protesta contra o que eles (o PSOE) provocaron". O PP concluíu que "claro que camiñan" cara a unha transición térmica, pero que "queren facelo dunha forma sustentable, con perspectiva de futuro para todos os sectores afectados".

Central térmica das Pontes. LEA PAZ - Arquivo
Central térmica das Pontes. LEA PAZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta