Gómez-Reino asegura que Galicia terá un Goberno de coalición coma o do Estado

O deputado de Podemos non nega as posibilidades de presentarse ás eleccións con Anova, pero aínda non sabe se En Marea podería unirse ao acordo, pois é o propio partido o que "ten que decidir se se presentan ou non".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2020 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, está convencido de que a Galicia lle espera un Goberno de colación como o que se está "iniciando en Madrid" despois de que se celebren as eleccións autonómicas deste ano.

Así o manifestou o político da formación morada este domingo nunha entrevista na canle galega da Radio Nacional Española recollida por Europa Press. Nela, manifestou que "Feijóo non está para nada contento co exemplo" que deron PSOE e Podemos ao "chegar a acordos entre as esquerdas" e que son os mesmos que "no outono" traerán un executivo similar a Galicia.

Sobre os próximos comicios electorais, Gómez-Reino tamén está seguro de que o PPdeG "tirará de deputados de Vox se é necesario" para seguir no Goberno galego. Cre "que é evidente que Vox é unha escisión radical do PP e que moitos dos seus representantes no Congreso antes eran antigos deputados do PP".

En canto ao seu partido, o deputado de Unidas Podemos non se atreveu a dar nomes sobre os posibles candidatos ou candidatas para a presidencia da Xunta, pero adiantou que xa están en marcha "os procesos internos" da organización. Aínda que non nega as posibilidades de presentarse ás eleccións con Anova, aínda non sabe se En Marea podería unirse ao acordo, pois é o propio partido o que "ten que decidir se se presentan ou non".

"DESAFÍOS" E "ENORMES CAMBIOS"

Por outra banda, Antón Gómez-Reino tamén falou sobre o que supón este novo Goberno en España, unha "responsabilidade" enorme e un camiño cheo de "desafíos". A pesar de todo, os "enormes cambios" xa se empezaron a fraguar nos últimos anos "tanto a nivel social como institucional" e asegura que chegaron ao poder "para gobernar para a xente, non para os grandes lobbies".

Neste sentido, lembrou unhas declaracións de María Dolores de Cospedal en 2013 nas que retaba "aos movementos sociais a presentarse ás eleccións se queren facer política". Case sete anos despois, Gómez-Reino responde que "os movementos sociais e a cidadanía activa presentáronse ás eleccións e agora mesmo están no Goberno".

A partir de agora o novo executivo dedicarase a "liquidar a vida da cidadanía", un labor que desenvolverán persoas do seu partido como Pablo Iglesias, vicepresidente de Asuntos Sociais, ou Yolanda Díaz, Ministra de Traballo. Respecto de Díaz, o deputado galego destacou a súa "xenerosidade política e vital vinculada" á comarca de Ferrol e ao mundo sindical. "É unha persoa que vai dedicar todo o esforzo e o traballo" a resolver "os enormes problemas que teñen o conxunto dos traballadores".

AS DEREITAS E OS LOBBIES

Respecto da bancada dereita do Congreso, Gómez-Reino considera que "non aceptan o xogo democrático" e que tanto PP, como Vox e Ciudadanos "teñen que madurar democraticamente" porque "lamentablemente" ao seu xuízo está a producirse "o que vemos noutros países de América Latina", é dicir, "tratar de deslexitimar procesos democráticos por diferentes vías para tentar bloquear unha acción de goberno progresista e transformadora".

Ademais, as presións non só chegan por parte deste tres partidos, sostén Gómez-Reino. Apunta igualmente aos "lobbies empresariais" como outro actor que "cando se aproban normas que van directamente en defensa das maiorías e na súa contra" se comportan da mesma maneira.

GOBERNO PARA GALICIA

En calquera caso, algo que o secretario xeral de Podemos Galicia quixo deixar claro é que o novo Goberno "vai cumprir" con Galicia. Entre outras cousas destacou compromisos que existen como a creación do estatuto para as electrointensivas, o redeseño do modelo de financiamento autonómico, a AP-9 que "ten que ser gratuíta e xestionada desde o público" ou a devolución á cidadanía do Pazo de Meirás.

Na mesma liña, referiuse tamén á comisión de investigación polo accidente de tren en Angrois --no que morreron 80 persoas en 2013-- e da que el formou parte. Espera conseguir "verdade, xustiza e reparación", así como "responsabilidade" no ámbito político.

Antón Gómez-Reino, secretrio xeral de Podemos Galicia e candidato pola Coruña de En Común-Unidas Podemos. EN COMÚN - Arquivo
Antón Gómez-Reino, secretrio xeral de Podemos Galicia e candidato pola Coruña de En Común-Unidas Podemos. EN COMÚN - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta