Villares cre que o BNG adquire unha posición "de fraqueza" tras o acordo co PSOE

Asegura que, agora, En Marea exerce "en solitario" a "defensa exclusiva dos intereses de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considera "moi positivo" que haxa "un Goberno progresista" e con "plenitude de funcións" no Estado e urxiu á nova ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a acometer "a derrogación das reformas laborais".

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara autonómica, o portavoz de En Marea saudou a formación do Executivo entre PSOE e Unidas Podemos, pero lembrou que a conformación dunha maioría "de carácter progresista" xa era posible tras as eleccións xerais do 2015.

Naqueles comicios, que tiveron que repetirse en 2016 ao non poderse formar Goberno, En Marea funcionaba como un partido instrumental que aglutinaba Podemos e Esquerda Unida (EU), entre outros, e que formou parte, ata fai menos dun ano, do Grupo Confederal de Unidas Podemos. De feito, Yolanda Díaz conseguiu a súa primeira acta de deputada no Congreso baixo esta marca.

Por iso, Villares advertiu que xa se "chega tarde" con esta maioría "progresista", posto que, de lograrse xa no 2015, "é posible que as eleccións autonómicas de Galicia no 2016" tivesen un resultado "diferente".

"Esperamos que Podemos e o Partido Socialista aprendesen a lección. Desde logo, En Marea aprendeuna", engadiu, para logo prever que o panorama estatal pode ser "a antesala" do que ocorra nos comicios galegos que tocan no outono deste 2020.

NOMEAMENTO DE YOLANDA DÍAZ

Preguntado sobre a elección da galega Yolanda Díaz como ministra de Traballo, o portavoz de En Marea valorou que desta carteira dependen cuestións "fundamentais" como "a derrogación das reformas laborais", unha reivindicación na que coinciden sindicatos como CC.OO., UGT e a CIG.

Neste sentido, lembrou que Díaz, "procedente dun movemento obreiro" e avogada laboralista, falou en moitas ocasións "da ditadura da precariedade", polo que "sería incomprensible" que agora non acometese esta reforma que beneficiaría, afirmou, "a todos os traballadores do Estado".

Ademais, reclamou ao novo Goberno que adopte unha "nova regulación do sector eléctrico" para "acabar coa pobreza enerxética" das familias e garantir "a continuidade do emprego" nas empresas electrointensivas.

ACORDO DO BNG

Así mesmo, Villares non pasou por alto o 'si' do deputado do BNG, Néstor Rego, na sesión de investidura de Pedro Sánchez: "Vincúlao non soamente á apertura do Goberno senón tamén ao trazado de determinadas liñas políticas".

Con todo, mostrouse cauto ante a posibilidade de que o Executivo de PSOE e Unidas Podemos presenten ao Congreso uns Orzamentos de 2020 similares ao proxecto de contas errado do 2019, que eran "notoriamente prexudiciais" para Galicia.

Así, Villares asegurou que o Bloque, tras o acordo co PSOE, adquire unha posición "de fraqueza" e perde "a súa posición moral de preeminencia na defensa exclusiva dos intereses de Galicia". Por iso, asegurou que esta postura a exerce, "en solitario" e "como forza parlamentaria", En Marea.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa no Parlamento.
O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa no Parlamento. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Undeaquí

Diormío-diormío, como están as cabesiñas.

1 Pepe Romoncin

Pobriño, a Marea defenderá os intereses de Villares e pouco mais. Dentro de pouco quedará el solo

1 Un ningún

Dentro de pouco non quedará ningún. Non sei que pensan facer nas autonómicas, pero vai ser misión imposible voltar ó Horreo