Temas: 112

O comité do 112 pide aos partidos da oposición o "rescate" do servizo

Reclaman que o servizo "sexa xestionado directamente pola Administración".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Unha representación do comité do 112 iniciou esta semana unha rolda de contactos cos grupos parlamentarios para demandar que nos seus programas para as próximas eleccións autonómicas recollan o "rescate" do servizo. Na vindeira semana manterán o encontro co resto dos partidos da Cámara galega.

Segundo explicou a presidenta do comité, Isabel Moares, o 112 "é un servizo moi sensible e ten que ser público, porque as empresas privadas van en busca de beneficio e non teñen como obxectivo mellorar a xestión das emerxencias".

Por iso, o comité entende que o servizo "debe ser xestionado directamente pola Administración, que ten que revisar e garantir o seu bo funcionamento". "Temos un problema de dimensionamento real, necesítase máis persoal e hai que mellorar e actualizar os protocolos a seguir en función de cada emerxencia, porque non sempre son claros", destacou a presidenta.

O comité reclama, ademais, que o 112 sexa "realmente unha central coordinadora de emerxencias" e "non só de información aos medios" de emerxencia. "Teriamos que poder decidir cales son os medios que hai que mobilizar, en función da emerxencia á que nos enfrontamos e non limitarnos a ser só unha canle de trasmisión", apunta.

Xunto a isto, considera que sería "moi importante" informar o conxunto da cidadanía de cales son as funcións concretas do 112, porque "moitas veces" é necesario "atender e xestionar cuestións que non son realmente emerxencias".

Reunión do comité do 112 con representantes do BNG.. CIG
Reunión do comité do 112 con representantes do BNG.. CIG | Fonte: Europa Press

Temas: 112
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta