Feijóo alerta que o PP ten a "responsabilidade histórica" de facer oposición "blindando o centro político"

Insistiu en censurar un Goberno "de extremos", cun PSOE "instalado no extremismo político".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/01/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu, á saída de Xénova, en que o PP ten "a responsabilidade histórica" de facer oposición a un Goberno "de extremos" e engadiu que ten que facelo "blindando o centro e a moderación".

"Temos que blindar o centro, blindar a moderación e ser contundentes reivindicando o centro político en España e a moderación política en España", esgrimiu, en declaracións aos medios, antes de apelar a facer oposición para "manter o Estado e a igualdade de todos os cidadáns".

A continuación, apuntou que os populares exercerán esta "responsabilidade" porque "o PP é un partido de Estado" ao que "corresponde garantir que o Estado en España siga funcionando" como ata agora, que se continúe "respectando a Constitución e o Estado de Dereito".

"Seguiremos traballando en favor do Estado de Autonomías e para preservar a igualdade de todos os españois e de todas as comunidades dentro dunha estratexia de moderación, de contundencia e de firmeza desde posicións de Estado, que é o que necesariamente temos que reivindicar en España", subliñou.

Por último, insistiu en censurar un Goberno "de extremos", cun PSOE "instalado no extremismo político" e, como socio, ao "populismo de Podemos". "E, adicionalmente, independentistas cataláns e vascos que profundan no extremismo", apostilou. Apelou tamén a "garantir que Galicia e o resto de España queden fóra de extremismos políticos e ideolóxicos". "E imos traballar para reivindicar con contundencia a moderación, a firmeza e o centro político en España", resolveu.

Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa do Consello. XUNTA
Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa do Consello. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta