Bruxelas promete novas estratexias para corrixir a fenda salarial, de 5.500 euros en Galicia

As mulleres galegas cobraron en 2017 unha media anual de 18.833 euros, por baixo dos 24.321 percibidos polos homes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Comisión europea comprometeuse este luns ante o Parlamento europeo a atallar a fenda salarial entre homes e mulleres, que en Galicia se sitúa ao redor dos 5.500 euros anuais, e prometeu ter lista unha nova estratexia de Igualdade para o mes de marzo.

Imaxe representativa da fenda salarial entre homes e mulleres
Imaxe representativa da fenda salarial entre homes e mulleres

En concreto, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2017 as mulleres galegas cobraron unha medida anual de 18.833 euros, por baixo dos 24.321 euros percibidos polos homes.

O compromiso foi expresado pola comisaria de Igualdade, Helena Dalli, quen nun debate sobre esta problemática recalcou que o seu departamento traballará en prol da "transparencia salarial" e chegou a pór sobre a mesa medidas como ofrecer á traballadores información sobre a escala salarial ou requirir ás empresas que auditen ese tipo de información.

"A discriminación salarial foi demasiado lonxe. O principio de mesmo traballo, mesmo soldo estivo nos tratados desde 1957, pero en Europa as mulleres seguen recibindo de media un 16% menos de soldo que os homes. É hora de atallar isto", recalcou a comisaria maltesa na primeira sesión do ano do Parlamento europeo celebrada en Estrasburgo, Francia.

Durante o debate saíron á palestra máis datos e exemplos da diferenza de xénero nesta materia, así a eurodeputada do PP europeo, Frances Fitzgerald, puxo de manifesto que á fenda salarial hai que sumar que as mulleres teñen unhas pensións que son un 35% menos que as dos homes, o que ten grave implicacións no seu poder adquisitivo e na súa vida.

Do seu lado, a socialdemócrata austriaca Evelyn Regner pediu maior esixencia á Comisión para que sexa efectiva a igualdade salarial e suxeriu a Bruxelas que poña en marcha sancións ás empresas que rexistren casos de discriminación.

A eurodeputada demócrata Sylvie Brunet apuntou que corrixindo a fenda salarial o PIB europeo pode crecer 40.000 millóns de euros ao ano e chamou a traballar ao redor de tres eixos: transformar as estruturas salariais, adoptar medidas correctivas e facer un labor de seguimento cara ás empresas.

Por último, o parlamentario español Ernest Urtasun pediu unha mellora con respecto ás políticas de igualdade levadas a cabo pola Comisión para poder atallar este problema. "Necesitamos obxectivos claros", recalcou o membro dos Verdes, quen se expresou tamén a favor de establecer sancións para protexer as "vítimas da fenda".

DATOS GALEGOS

En Galicia a fenda salarial, que en 2017 se situou nos 5.488 euros, mantense en todos os sectores. Así, na industria, as traballadoras cobraron unha media anual de 20.667 euros, un total de 6.280 euros menos que os homes, que recibiron 26.947 euros. A diferenza no sector servizos é lixeiramente inferior, ao situarse nos 5.163 euros que distan entre a media de 18.554 euros que cobran elas e os 23.717 que gañan eles.

O INE, que no caso da construción só publica o dato correspondente ao emprego masculino (21.982 euros), tamén reflicte que a fenda se mantén segundo o tipo de contrato. En concreto, as traballadoras con contrato indefinido cobraron unha media de 19.597, un total de 6.209 menos que os traballadores (25.806).

Pola súa banda, as mulleres con contrato temporal percibiron 15.676 euros, 2.248 menos que os homes, cuxo salario ascendeu a 15.676 euros ao ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta