Un xuíz retira a patria potestade a un pai que "desapareceu totalmente" da vida do seu fillo fai seis anos

O tribunal ve unha "autética falta de interese" e "abandono" e recolle o desexo do menor de non manter relación, dado que é "un estraño".

Por E.P. | OURENSE | 14/01/2020 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense retirou a patria potestade a un pai polo "abandono grave e reiterado" dos seus deberes con respecto ao seu fillo, que agora ten 13 anos, e de cuxa vida "desapareceu totalmente" fai seis anos.

Así o recolle a sentenza que dá a razón á nai do menor, que recorreu un fallo inicial do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ourense, ante o que reclamou a retirada da patria potestade e do réxime de visitas ao pai do seu fillo polo "incumprimento grave e reiterado" dos seus deberes, por "abandono" e por falta de pagamento das pensións. "Non abona cantidade algunha" asegura, a pesar de que consta como dado de alta na Seguridade Social.

A sentenza da Audiencia Provincial considera "acreditado" a través das manifestacións das partes, da proba documental e da audiencia ao menor, que "o pai se desatendeu dos deberes inherentes á patria potestade", tanto no "aspecto emocional como no económico".

"ABSOLUTA FALTA DE ASISTENCIA EMOCIONAL"

A maiores, detecta unha "absoluta falta de asistencia emocional e afectiva" ao menor, "desaparecendo totalmente o pai da súa vida". O propio demandado "recoñece na súa declaración a inexistencia de relación co seu fillo desde fai xa seis anos", apunta o fallo, que destaca que o menor "tamén o recoñeceu, engadindo que non desexa en forma algunha manter contacto co seu pai".

A pesar das alegacións do demandado, a Audiencia indica que "o certo é que non fixo nada, mesmo legalmente acudindo a un procedemento de execución de título xudicial, para tentar recuperar a relación, do que se deduce unha auténtica falta de interese e abandono no coidado do fillo", para quen o seu pai "resulta obviamente un estraño".

Estes feitos "constitúen un gravísimo incumprimento dos deberes da patria potestade", inclúe a sentenza, que non prevé que esta situación poida "reverterse" a curto prazo. En relación ao réxime de visitas, o tribunal tamén se mostra favorable, tendo en conta que o propio menor "expresou o seu desexo de manterse afastado do seu pai e de non establecer ningún tipo de relación, ao ser xa un estraño para el cuxa presencia non pode impórselle".

Audiencia provincial de Ourense.
Audiencia provincial de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta