Creatividade catalá para o cartel do entroido 2020 en Viana do Bolo

O deseño gañador foi obra do catalán Jaume Gubianas Escudé e o premio de 1.500 euros vai para Navás, na provincia de Barcelona. Falamos co creador que, non coñecendo nin Viana do Bolo nin o seu entroido, tivo que documentarse na internet.

Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 16/01/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Viana do Bolo fixo un esforzo económico especial este ano para incentivar a creatividade e a participación á hora de elaborar o cartel que tiña que ser a imaxe do Entroido e da Festa da Androlla, un dos eventos emblemáticos do concello que este ano chega á súa 50 edición. Con este obxectivo fixouse un premio para o gañador que triplicaba o importe de anos anteriores.

Xurado, alcalde e concelleira de cultura. Foto: Concello de Viana.
Xurado, alcalde e concelleira de cultura. Foto: Concello de Viana.

O reclamo xurdiu efecto pois presentáronse a concurso 42 carteis de grande calidade que viñeron dende diversos lugares da península ibérica. O xurado estaba formado por destacados membros da arte e da cultura: Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa, investigadora do mundo da máscara e moi ligada ao mundo rural e as súas tradicións; Mónica Alonso, doutora en Belas Artes e artista plástica cunha ampla traxectoria; e Xosé Lois "O Carrabouxo" recoñecido e apreciado debuxante e humorista gráfico galego.

"Presentáronse a concurso 42 carteis de grande calidade que viñeron dende diversos lugares da península ibérica"

Despois das oportunas deliberacións acordaron por unanimidade dar como gañador o cartel denominado "Jaesdama Viana", obra do catalán Jaume Gubianas Escudé, deseñador e ilustrador profesional. Falamos co autor e sorpréndese de que lle fagamos a entrevista en catalán. Claro está, despois traducimos para publicar.

Coñece Viana do Bolo e o seu entroido?

Jaume Gubianas, gañador cartel 2020. Foto: Concello de Viana.
Jaume Gubianas, gañador cartel 2020. Foto: Concello de Viana.

Non, de nada, e o seu entroido moi pouco, basicamente de documentarme por internet.

Algunha relación con Galicia? Estivo algunha vez?

Non teño relación e teño estado pero de vacacións, como turista.

Como soubo do concurso?

Polas redes sociais. Adoito buscar concursos relacionados co deseño e a ilustración, vin un pouco de que ía este e presenteime.

Cales foron os principais atractivos para participar no certame?

Pareceume interesante o premio e tamén o tema. Son un apaixonado das festas populares e vin que esta festa era un carnaval moi orixinal e de carácter popular. Documenteime en internet e vin outros entroidos da contorna como os de Verín, Laza e Xinzo de Limia, parecéronme realmente interesante.

"Son un apaixonado das festas populares e vin que esta festa era un carnaval moi orixinal e de carácter popular"

Como cartelista xa ten gañado outros concursos, verdade?

Si. Gústame participar e teño recibido premios en distintos concellos do estado.

Sendo vostede catalán, a ornamentación da pantalla con franxas amarelas e vermellas son unha “chiscadela” á bandeira de Cataluña?

(Risas) Non, aí quixen representar o escudo do concello, que ten esas cores e esa disposición en franxas horizontais.

Que quixo representar na composición do cartel?

A Torre, a vila, a Praza Maior e detalles característicos do entroido de Viana. As “collas” -grupos ou cuadrillas en catalán- cos bombos, os lardeiros colgados e a figura do Boteiro, destacando nel o número 50 pola edición deste ano da Festa da Androlla. Debuxei xente con bombos sen disfrazar e un disfrazado porque así o vin nalgúns vídeos, o embutido protagonista da festa nunha man do Boteiro e tamén unha pequena nube branca por detrás que representa a fariña que se tira eses días.

Para non coñecer Viana do Bolo nin o seu Entroido, a verdade é que o retratou bastante ben. Parabéns!

Moitas grazas! Hoxe con internet tes acceso a moita información para documentarte, só me faltou velo en persoa. A ver se vou algún ano.

E unha derradeira curiosidade. Por que bautizou a obra como “Jaesdama Viana”?

O de “Jaesdama” é unha referencia familiar. Cada sílaba representa o nome dalguén de nós. JA é por min, Jaume, ES por Estrella, a miña dona, DA por Daniel, o meu fillo, e MA por Marina, a miña filla.

Ademais do cartel gañador o xurado tamén entendeu que se lle debía dar unha mención especial ao cartel "Ferrete 2020" de Roberto Castro Iglesias polo seu valor artístico e orixinalidade.

Obra gañadora
Obra gañadora
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta