O PP volve votar en contra de reabrir o paridoiro de Verín

Metres, Feijóo asegura que se reabrirá en breve. A oposición insta a "recoñecer o erro" aos 'populares', que condicionan a reapertura a que se garanta a seguridade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2020 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular volveu votar este xoves na Cámara galega en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba que a Xunta rectificase a súa decisión de "suprimir o paridoiro" do Hospital de Verín e de "desmantelar as urxencias pediátricas" deste centro.

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.

Os 'populares' situáronse outra vez en contra desta proposición non de lei, que o BNG xa formulou nun pleno, ao ser rexeitada unha emenda do seu grupo que pedía substituír o texto inicial por outro no que condicionaban a reapertura a garantir as "condicións de seguridade" no parto.

FEIJÓO

Curiosamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba á mesma hora que é "optimista" en relación a que o paridoiro do Hospital de Verín se poida reabrir canto antes. "E hai avanzados contactos con algún pediatra ou algunha pediatra", dixo Feijóo que sinalou que se podería abrir antes de final de mes.

Neste sentido, o presidente galego insistiu en que espera ter "boas noticias" e declarouse "optimista", aínda que matizou que "as boas noticias hai que formalizalas por escrito" e que será a xerencia quen peche calquera contrato e poña "data exacta" á posible reapertura.

BNG

A proposta foi defendida na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego pola nacionalista Noa Presas. "Vemos como o Partido Popular vai abrindo a porta a que a rectificación chegue, esperamos que sexa así, pero entendemos que a Cámara debe pronunciarse sobre se realmente hai compromiso ou se só son manobras de distracción", manifestou.

Así mesmo, lembrou que o PP votou en contra a esta mesma iniciativa no pleno do pasado mes de decembro e volveu emprazar aos deputados do grupo maioritario a "votar en conciencia". "Se estamos ante unha posible rectificación por parte do PP é grazas aos veciños e aos profesionais da sanidade que contra vento e marea atrevéronse a pronunciarse contra o que estaba a facer a Xunta", indicou.

APOIO DA OPOSICIÓN

"Isto é un tema básico, que fai que grupos que noutras ocasións temos diferenzas non menores, teñamos unha posición única nesta cuestión", manifestou Noa Presas nunha comisión na que En Marea, BNG, Común da Esquerda e PSdeG volveron unirse a favor da reapertura do paridoiro.

Paula Vázquez Verao (Grupo Mixto) censurou que o PP e a Xunta neguen a existencia de "desmantelamento" de servizos neste hospital. "Aí está dermatoloxía, a falta de persoal e todas as reivindicacións", manifestou nunha intervención na que acusou a Xunta de apostar polo "hospitalocentrismo" e a "privatización".

Tras ela, Eva Solla (Común da Esquerda) cualificou de "vergoñoso" que "a estas alturas" o PP non resolvese este conflito. "Os xestores e os políticos poden equivocarse pero, cando se mete a pata, o lóxico é pedir desculpas polo dano causado ás mulleres que neste mes tiveron que desprazarse a Ourense para parir", sostivo.

Eva Solla considerou que se trata dunha decisión que "non é illada" e que vai da "man" da supresión doutros servizos. A esta advertencia, ademais, o socialista Julio Torrado engadiu a posibilidade de que tras o peche do paridoiro de Verín, se supriman estes servizos no resto de hospitais comarcais.

"O peche foi unha decisión intencionada e política", subliñou Torrado, que censurou que a Xunta "por soberbia" non sexa capaz de "recoñecer que se equivocou".

POSTURA DO PP

En fronte, o parlamentario do PP Aurelio Núñez Centeno mostrouse convencido de que a "máxima preocupación" da oposición con este asunto non é a "seguridade" das usuarias senón "conquistar Monte Pio". "Reiteramos a nosa emenda do pleno coa esperanza de que abandonen a súa posición electoralista e apoien a mesma", asegurou.

Así, a emenda, ademais de avogar por que as decisións organizativas que se adopten prioricen a "seguridade" de acordo cos "criterios profesionais, técnicos e das sociedades científicas", subliña o compromiso coa asistencia dos veciños de Verín "garantindo a proximidade, a seguridade e a actividade" de forma que se "recupere a actividade do paridoiro cando se garantan as condicións de seguridade" no parto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta