O rural, cada vez máis illado: "Cando chove moito temos que saír da casa en tractor"

Cos temporais, as aldeas quedan aínda máis incomunicadas ca de costume. O caso de Muíño, no Concello de Noia, é extrapolable a outros moitos lugares do país: cando chove afogan e cando vén a calor non poden fuxir do lume.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

A veciñanza de Muíño, un lugar da parroquia de Roo, no Concello de Noia, veñen de denunciar a través dun escrito a incomunicación e os problemas de accesibilidade ao interior da aldea, que se ven agravados cada vez que bate con forza a choiva, como aconteceu ao longo desta semana. Muíño queda, xa que logo, sen a posibilidade de contar con servizos públicos esenciais como as ambulancias e os bombeiros. 

Un dos camiños da aldea de Muíño, totalmente anegado
Un dos camiños da aldea de Muíño, totalmente anegado | Fonte: Remitida

Segundo apuntan no escrito remitido, os problemas de accesibilidade existiron "dende tempos inmemoriais" e hai anos que se veñen poñendo en coñecemento do Concello de Noia. Uns problemas, aseguran, que se fan máis evidentes a medida que a poboación do lugar foi avellentando, xa que varias persoas se viron na necesidade de seren recollidos polos servizos sanitarios. "Cada vez que isto ocorre, a ambulacia só pode pasar ata a entrada da aldea, de xeito que son os propios camilleiros os que se desprazan coa camilla ata a casa na que se atopa o enfermo e o recollen para levalo de volva ata a ambulancia, que queda centos de metros máis arriba", critican. 

Este problema permanente agrávase nos días de choiva, debido a que a opción de ser recollido polos camilleiros convértese en inviable. No comunicado, a veciñanza recorda que o dereito á ambulancia "forma parte de toda unha serie de dereitos que veñen a conformar a sanidade pública e o respecto á saúde pública". Amais da choiva, esta situación complicouse dende a construción do corredor Noia-Brión, xa que "nos días de tormenta, os camiños da aldea anéganse por completo ata converterse en auténticas riadas". Nin sequere os coches poden pasar, denuncian. "En varias ocasións vémonos na necesidade de deixar os coches na fonte e saír da casa en tractor"

"Consideramos esta situación insostible, denigrante e inhumana". Todas as reclamacións que levan feito convértense en papel mollado. A veciñanza incluso fixo forza mediante unha recollida de firmas, mais polo de agora, a resposta foi de novo o silencio. Tanto no temporal de mediados de decembro coma neste que acaba de atravesar Galicia, os camiños de Muíño víronse afogados en riadas. "Este é un problema do inverno, pero no estío a situación non é mellor", comentan.

MEDO AO LUME

No verán mantense a inaccesibilidade para as ambulancias, e xa que logo, tamén para os bombeiros. "Isto tennos preocupados, adoitamos deitarnos tarde e mesmo achegarnos á estrada principal para comprobar que non se vexa lume nos montes". Segundo contan, a aldea non conta máis ca cunha saída posible, de maneira que, no caso de se atoparen rodeados polas lapas, a situación sería complexa para toda a veciñanza. 

"Ante a dureza da situación e o sentirnos atados de pés e mans sen atopar alternativa posible para poñer solución a esta situación, queremos darlle visibilidade a estes problemas que se viven no rural e cos que, de seguro, moitos outros galegos se sentirán identificados", rematan o escrito. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Na vida só se chora num lugar, no cemitério; a todo o demais se lhe fai frente. Só umha soa pergunta, a quem votárom?