A espera media para operarse en Galicia baixa en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, na que sobe 4 días

Galicia pechou 2019 con 35.720 persoas en lista de espera para unha intervención cirúrxica

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A espera media para operarse en Galicia baixou a 31 de decembro en todas as áreas sanitarias, agás na de Ourense, na que se incrementou en catro días, e na de Ferrol, onde se mantén igual que un ano antes.

Cirurxía cerebral nun quirófano.
Cirurxía cerebral nun quirófano.

Segundo os datos publicados polo Sergas, a espera media para unha intervención cirúrxica pasou de 79,8 días a 61,2 na área sanitaria de Vigo; de 39,8 a 35,6 na de Pontevedra-Salnés; de 44,8 a 42,7 na de Lugo-A Mariña-Monforte; de 61,9 a 55,5 na de Santiago-Barbanza; e de 69,3 a 63,8 na da Coruña-Cee.

Pola súa banda, segundo os datos publicados polo Sergas, na área sanitaria de Ferrol o tempo medio de espera para unha operación mantívose en 39,2 días como a peche de decembro de 2018.

Pola contra na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco pasou dos 40,4 días ao final de 2018 a 48,2 a 31 de decembro de 2019, segundo os datos de lista de espera publicados.

Ao peche de 2019 había 35.720 pacientes en lista de espera —contando os datos do Sergas co hospital concertado de Povisa—, dos cales 29.989 esperaban menos de tres meses; 5.414, entre tres e seis meses; e 317, entre medio e un ano, cunha demora media de 54,5 días.

Un ano antes había 35.372 pacientes cunha espera media de 61,6 días, dos cales 50 facíano máis de doce meses. Nos datos de 2019 non hai persoas con esa demora.

CONSULTAS

En canto ás consultas por áreas sanitarias, os datos publicados indican que os tempos medios de espera baixan en todas as áreas sanitarias, agás na de Vigo, que sobe lixeiramente, ao pasar de 50,5 días ao peche de 2018 a 50,6 en 2019.

No resto de áreas sanitarias, pasan dos 41,7 días a 35,1 na da Coruña-Cee; descenden de 39,4 a 38,8 na de Santiago-Barbanza; caen de 60 a 49,2 na de Ferrol; de 43,8 a 40,9 na de Lugo-A Mariña-Monforte; de 43,4 a 40,5 na de Ourense-Verín-O Barco e de 37,2 a 33,7 días na de Pontevedra-Salnés.

O tempo medio de demora para unha consulta no Sergas situouse a 31 de decembro de 2019 en 41,5 días, fronte aos 44,8 do peche de 2018, con 166.827 persoas na lista de espera, fronte ás 173.332 dun ano antes. Do total, 157.120 agardaban menos de tres meses; 9.690, entre tres e seis meses; e 17 persoas entre medio e un ano.

Ao peche de 2019 non había pacientes que esperasen máis dun ano por unha consulta, mentres que a 31 de decembro de 2018 quedaban 22 persoas con esa demora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta