A Deputación de Pontevedra presentará en Fitur a súa campaña 'Segue ou teu instinto', centrada na natureza

A actriz Celia Freijeiro conducirá un acto no que se dará a coñecer "recunchos absolutamente máxicos" na provincia

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/01/2020 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres 'Segue ou teu instinto', a campaña de promoción turística para este ano centrada na natureza e que levará á Feira Internacional de Turismo (Fitur) o próximo 23 de xaneiro, xoves (12,30 horas).

Carmela Silva na rolda de prensa de presentación de Fitur
Carmela Silva na rolda de prensa de presentación de Fitur | Fonte: Europa Press

Segundo destacou Carmela Silva, é unha campaña que "ten materiais que emocionan, de altísima calidade e que fala" de Pontevedra "como nunca se falou". "Centrámonos na natureza, mostrando o noso compromiso coa Axenda 2030" de Nacións Unidas, explica.

"Temos paisaxes espectaculares onde realizar turismo activo e rural, sendeirismo, benestar, termalismo...", enumerou Carmela Silva. A presidenta insistiu no obxectivo do Plan Estratéxico da Deputación: "Queremos un destino sustentable e responsable".

A campaña 'Segue ou teu instinto' descobre "recunchos absolutamente máxicos" e impulsarase con ideas do tipo 'Detente e mira', pois na provincia de Pontevedra "hai lugares que che permiten lembrar que somos parte da natureza". "É unha invitación a escoitar o que nos pide o corpo e deixarnos levar para conectar co noso lado humano e natural", definiu.

No marco da Feira de Turismo a presidenta da Deputación indicou que se reunirán con turoperadores, empresas e organizadores de eventos, á vez que se asistirá a presentacións, entre as múltiples actividades programadas na axenda do goberno provincial.

A campaña arrinca en Fitur cun acto conducido por Celia Freijeiro, actriz finalista nos Premios Feroz, que estará arroupada por "xente moi recoñecida e que representa nos seus distintos ámbitos" á provicia, limitouse a sinalar para manter a sorpresa.

VÍDEO

A Deputación presentou un avance do vídeo da campaña 'Segue ou teu instinto', que presentará en Fitur 2020.

A actriz Celia Freijeiro tamén é a protagonista do audiovisual de Turismo Rías Baixas, que anima a "regresar ás orixes" e gozar do "impresionante patrimonio natural" da provincia. "O vídeo é vital pero intimista, toca o máis profundo e está baseado nas emocións, con historias reais", explicou a presidenta.

No vídeo aparecen localizacións "moi especiais" de todas as comarcas da provincia, á vez que se introducen "aspectos de vida saudable, turismo de benestar, e, algo moi novo, respecto aos animais e a fauna".

Haberá un segundo vídeo no que deportistas de elite como Desireé Vila, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso Roi, Uxía e Iria Huertas "falarán da importancia da natureza como escenario onde desenvolver actividades deportivas".

Aos asistentes á presentación de Turismo Rías Baixas entregaráselles un obsequio no que "se repartirá natureza, mar e montaña, o patrimonio inmaterial do saber popular relacionado coa natureza".

Sen querer desvelar o contido dese agasallo, Carmela Silva tan só avanza que "é unha edición limitada de 500 unidades que forman unha obra de arte efémera colectiva".

RECOÑECEMENTO

Ese mesmo xoves 23 de xaneiro, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, a Deputación de Pontevedra recollerá a renovación dos distintivos Q de Calidade.

Carmela Silva destacou que as oficinas de turismo da institución provincial obtiveron unha valoración de 94 de 100, "a máxima nota en sistema de calidade ou no servizo de atención".

A presidenta da Deputación tamén anunciou que aproveitarán a súa estancia en Madrid para presentar 'María Vinyals. A muller do porvir' na libraría La Buena Vida. A coñecida como 'marquesa vermella' estivo moi vinculada á capital do Estado, onde viviu e reside agora a súa familia. Silva aproveitará para divulgar a figura deste relevante personaxe e o castelo de Soutomaior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta