Temas: PPDEG FEIJóO

Feijóo chancea: "A limitación de mandatos ocórreselle aos políticos que aínda non conseguiron revalidar o segundo"

O presidente da Xunta contesta así a unha chiscadela do alcalde de Santiago durante o seu discurso no 175 aniversario do IES Xelmírez I.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

"A limitación de mandatos é unha cousa que se lle ocorre aos políticos que aínda non conseguiron revalidar o segundo". Con esta frase chanceou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención este venres no 175º aniversario do IES Arzebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, fronte a centos de alumnos do centro.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: © Miguel Núñez.

Estas palabras prodúcense nun contexto no que o presidente se achega ao final da súa terceira lexislatura e continúa sen despexar a incógnita sobre se se presentará ás súas cuartas eleccións, que tocarían, agás adianto, no outono. Ademais, tanto a súa contorna como el mesmo, ao ser preguntados polo seu futuro político, afirmaron en varias ocasións que calquera anuncio oficial respecto diso sería no primeiro trimestre deste 2020.

En concreto, esta frase pronunciouna despois de que o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, tamén presente no acto, lembrase que xa na conmemoración do 150 aniversario el participara como concelleiro de Educación. "O importante é que estamos no 175 aniversario. A ver se temos a oportunidade de coincidir no 200", dixo, entre risas, o rexedor.

Tras o alcalde, tomou a palabra o presidente da Xunta, quen admitiu que "superar a Bugallo é imposible". "Chegamos á conclusión de que, despois do Xelmírez, é a persoa con máis antigüidade en Santiago de Compostela", chanceou.

Seguidamente, aproveitou para engadir: "Iso da limitación de mandatos é unha cousa que se lle ocorre aos políticos que aínda non conseguiron revalidar o segundo, por iso din que nunca se van a presentar máis veces".

A pesar do ton de broma utilizado, esta parte do discurso choca coa postura que el mesmo defendeu en 2015, na segunda metade da súa segunda lexislatura. Entón, dixo que dous mandatos para un cargo político era "unha formulación bastante razoable" e que gobernos "longos" de "16 ou 20 anos" forman parte "do pasado".

Agora, no ocaso da súa terceira maioría absoluta e xa dentro do período marcado para desvelar se optará á reelección, hai voces no Partido Popular galego que sosteñen que "non lle queda outra opción" que volver presentarse.

EN 2016 NON FOI "UNHA DECISIÓN FÁCIL"

Na primavera de 2016, nos últimos meses do seu segundo mandato, decidiu volver dar o paso, algo que non foi "unha decisión fácil", tal e como recoñeceu. De feito, días antes de desvelalo, abrira a porta a cambiar de actividade profesional e ir ao sector privado.

Agora, xa comezado o ano electoral e tras máis dunha década como presidente do Goberno autonómico, deberá volver tomar a decisión de concorrer ou non aos que serían os seus cuartos comicios. Na oposición, tanto o PSdeG como o BNG xa teñen formalizados os seus cabezas de cartel: Gonzalo Caballero e Ana Pontón, respectivamente.

A falta de coñecerse as posibles alianzas do espazo da esquerda rupturista —outro dos interrogantes a escisión definitiva de En Marea como plataforma no verán de 2019—, hai dirixentes do Partido Popular galego que non ocultan que lles gustaría que Feijóo repetise.

Así, e aínda que hai quen considera que "non lle queda outra opción", outras fontes da súa contorna discrepan e admiten que, aínda que sería "o candidato máis potente", hai "outros referentes" na formación.

Temas: PPDEG FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Señor Feixóo: fai vostede discursos políticos partidistas en actos con menores? Para isto non hai pin parental?

1 Hola son Siri

E o candidato de VO卐 o tapado de VO卐, si é de centro eu son o obispo de Mondoñedo!!!