O documental 'Luarada' contará a historia do "home lobo" galego, un dos maiores asasinos en serie de España

Comezará a rodarse no municipio ourensán de Esgos durante a primeira quincena de marzo

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/01/2020 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O proxecto audiovisual 'Luarada', unha longametraxe documental dirixida por Óscar Doviso, narra a historia dun dos maiores asasinos en serie de España Manuel Blanco Romasanta —popularmente coñecido como O Lobisome— e sitúaa no seu contexto, a Galicia rural de mediados do século XIX.

Presentación do documental 'Luarada' sobre a figura de Romasanta
Presentación do documental 'Luarada' sobre a figura de Romasanta | Fonte: Europa Press

O documental, sobre "un dos personaxes máis singulares da provincia de Ourense", foi presentado este venres no Pazo provincial. O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o director de 'Luarada', Óscar Doviso; o coproductor, José Frieira e o actor encargado de interpretar ao coñecido criminal, Marcos Vázquez.

O presidente da Deputación de Ourense manifiestou o "apoio decidido do ente provincial ao proxecto desde o minuto un". Ademais, puxo en valor o traballo cinematográfico que "permitirá revisar, investigar e superar todo o que se ten feito ata o momento sobre a figura de Romasanta".

Pola súa banda, o director do documental explicou que a rodaxe dará comezo na primeira quincena de marzo no municipio de Esgos e será presentado na próxima edición do Ourense Filme Festival (OUFF).

"A figura de Manuel Blanco Romasanta nunca foi tratada coa profundidade que merece este personaxe, unha persoa culta, sabia e moi querida polo pobo", precisou Óscar Doviso. Trátase, segundo as súas palabras, dunha historia da provincia que merece ser contada.

Así mesmo, Doviso puxo en valor "o importante traballo de investigación" que o equipo tivo que levar a cabo para "facer un perfil psicolóxico dun dos maiores asasinos en serie e tamén plasmar a Galicia do século XIX".

Marcos Vázquez, que encarnará o asasino na pantalla, referiuse ao seu personaxe como "moi completo e capaz de cumprir todas as expectativas dun actor". Ademais, tamén destacou os espazos naturais cos que contan que son fiel reflexo da época grazas a que "levan centos de anos intactos".

A historia empeza no ano 1845, cando Manuel Blanco Romasanta chega a Galicia procedente de Castela, e subliña a boa aceptación que tivo por parte do pobo, debido á súa colaboración e integración nas tarefas sociais e relixiosas, unha circunstancia que ao pouco tempo cambiou para pasar a converterse en tráxica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta