Ecoloxistas piden á Xunta que protexa os ecosistemas e as especies propias de Galicia

Lémbranlle que a UE aprobou unha normativa para asegurar que o 30% do territorio europeo sexan áreas naturais.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 18/01/2020 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

Organizacións ecoloxistas galegas piden á Xunta medidas e investimento para frear a perda de biodiversidade no territorio galego, tras o acordo aprobado esta semana no Parlamento europeo a este respecto.

En concreto, nesta sede parlamentaria, aprobouse o xoves unha resolución para instar á COP15, Conferencia Global sobre Biodiversidade, que se celebrará en outubro en Kumming, China, a comprometerse con obxectivos legalmente vinculantes.

Nunha votación a man alzada, a Eurocámara fixou posición sobre o cume que terá lugar o próximo outono e á que piden que se corrixa a actual tendencia de perda de biodiversidade. Para iso, a resolución sostén que a conferencia ten que "acordar obxectivos que sexan legalmente vinculantes, cun prazo marcado, indicadores e mecanismos de informacións que estean baseados en estándares comúns".

Respecto diso, subliña a importancia de que se establezan "prácticas agrícolas e forestais máis sustentables" e de incluír o obxectivo de redución de pesticidas, vinculante en toda a UE. Así mesmo, o Parlamento considera que a estratexia de biodiversidade da UE para 2030 ten que asegurar que o bloque debe dar exemplo cunha serie de obxectivos para ese ano.

Estes teñen que pasar por asegurar que o 30% do territorio da UE son áreas naturais, recuperar ecosistemas degradados, que os obxectivos de biodiversidade sexan tidos en conta en todas as políticas da UE e que se destine un 10% do orzamento 2021-2027 para mellorar a biodiversidade.

CUMPRIR OBXECTIVOS

En Galicia, as organizacións ecoloxistas consultadas por Europa Press valoran a medida, pero inciden na importancia de que desde as administracións estatais e autonómicas se dean pasos. No caso concreto da situación na comunidade autónoma galega, a secretaria executiva da asociación Adega, Belén Rodríguez, asegura que "non se cumpre" coa porcentaxe do 30% de áreas naturais.

"Está moi por baixo", apunta en liña tamén co expresado polo presidente de Arco Iris, Francisco Lueiro, quen sostén que os parques naturais están en Galicia "sen unha regulación, máis que a básica". "Están sen aprobar os plans reguladores de uso e xestión, importantes para o Xurés e as Fragas do Eume", cita como exemplos.

Francisco Lueiro incide, ademais, en que, para obter fondos da Unión Europea, "hai que cumprir con certas obrigacións" e pon en cuestión a política da Xunta a este respecto. "Non fixo os deberes", afirma reclamando, en todo caso, que se dote de fondos para acometer actuacións que freen a perda da biodiversidade e que os mesmos se repartan baixo criterios "técnicos e de conservación". "Non políticos", engade sobre os que chegan da Unión Europea.

RECUPERAR ESPECIES CON VALOR

Pola súa banda, Belén Rodríguez, de Adega, lembra que se perde biodiversidade "pola perda de hábitats e pola presenza de especies exóticas e invasoras". Entre estas últimas, cita aos eucaliptos, "que simbolizan o que non se debería facer en política forestal e dos que a Xunta aposta pola súa expansión".

Mentres, incide na necesidade de recuperar "especies con valor" como os bosques situados á marxe de ríos. "Aquí en Galicia no canto de promoverse faise o contrario", insiste a representante desta organización ecoloxista.

Belén Rodríguez cualifica, no entanto, como "bo" iniciativas como a aprobada no Parlamento europeo. "É positivo que se establezan obxectivos, pero a Unión Europea ten que estar atenta, fiscalizar máis as actuacións dos Estados membros", recalca.

Bosque autóctono de Galicia.
Bosque autóctono de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lebre

42.000 cazadores na Galiza. 42.000 votos para o PP de Feijóo. Barra libre. Cazade canto querades, dí o do Peares. Corzos, xabarins, raposos... " A por ellos oe ".