Enrique Peinador Lines e a revista "Nós"

O número 1 da revista “Nós” publicouse o 31 de outubro de 1920. Na cabeceira figuraba como director Vicente Risco e no equipo de redactores, entre outros, Ramón Cabanillas. A revista sería a peza fundacional do nacionalismo galego e instrumento ideóneo para a construción das bases da identidade do país. Foi un intento de establecer un diálogo coas vangardas; un coloquio entre a tradición e modernidade que tiña que facerse necesariamente desde unha óptica nacionalista e monolingüe galega.

Por Xosé Glez. | Redondela | 25/01/2020

Comparte esta noticia

Este ano no que estamos celebrarase o centenario daquela publicación senlleira no seu xénero que deu nome a unha xeración de intelectuais que cultivaron as máis diversas disciplinas. Non lle poñía máis que unha condición aos seus colaboradores: “que poden ser o que lles pete: indivisualistas ou socialistas, pasatista opu futuristas, intuicionistas ou racionalistas…. Sempre que poñan  por riba de todo o sentemento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos”.

A revista había pasar moitas vicisitudes.  Deixou de editarse durante dous anos, entre os meses de xullo de 1923 e 1925. Vicente Risco,o “pidichón oficial da Causa”, escribíulle unha carta con data de 21 de maio de 1925 a Enrique Peinador, o filántropo e mecenas  que ten unha actitude máis permeable ás demandas e os sentimentos da Terra, como califica Ricardo Gurriarán ao dono do Balneario de Mondariz, na que lle di: “apelando ós teus sentimentos que compartes connosco, a prol da nosa Terra e da nosa cultura, quixeramos saber si podemos contar co teu apoio económico,e tamén de camiño,se ti, antre as túas amistades, nos podías proporcionar algún outro que se comprometera por un ano”. A resposta de Peinador foi decontado, entregándolle unha boa cantidade de diñeiro e procurando anunciantes entre os moitos clientes do Balneario.

Non era a primeira vez que  Enrique Peinador Lines  saía ao rescate de xornais galegos ameazados polas crises, como foi o caso do diario Galicia, segundo se desprende dunha carta do poeta Manoel Antonio.Amais destas axudas a medios de comunicación e institucións, como a Real Academia Galega e Serminario de Estudos Galegos, tamén conseguíu coas súas mediacións unha pensión digna para Manuel Murguía. Outro caso foi o de  Ramón Cabanillas que malvivíu durante un tempo en Madrid e  foi “rescatado” por Peinador Lines cara a finais de 1921, levándoo para o Balneario onde exerceu de relacións públicas e director da revista “Temporada”. Na imprenta do balneario editou boa parte da súa obra literaria. Foi, ademais edil do novo Concello de Mondariz-Balneario. Castelao tamén foi beneficiario do mecenado de Enrique Peinador, que lle encargou os cadros de cegos para decorar as estancias do hotel.

A publicidade inserida nas páxinas da revista Nós era de vario tipo: profesionais liberais, hospitais, droguerías, xastrerias...pero a de maior entidade os anuncios das Augas de Mondariz dunha alta calidade estética da autoría de Castelao e Cándido Fernández Mazas.

A dirección da revista tiña un código ético para a publicidade:”As páxinas de anuncios de Nós somentes se ceden ós industriais e comerciantes cuxos métodos comerciais cremos dignos e honrados. Se algún lector atopa falsidades ou métodos impropios do comercio, nalgunha das casas anunciadas nas nosas páxinas, estimarémoslles moito nos chamen a atención, porque non toleramos que se anuncie ningunha casa que non sexa seria”.

O feito foi que, despois da intervención de Enrique Peinador Lines para rescatar a publicación da críse económica que tivera, a revista incrementou o número de anunciantes grazas a súa mediación con moitos empresarios que eran clientes do Balneario. Un anuncio da propia editora, como agradecemento a unhas adegas, apelaba aos lectores: “Patriotas galegos! Pedide o viño tostado López Valeiras”. En idénticos termos diríxese varias veces ao ano o Foro E.Peinador - Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, demandando máis consumidores para os produtos galegos etiquetados na nosa lingua.

Grazas a Ricardo Gurriarán Rodríguez, o historiador que procura información debaixo das pedras, o Foro E. Perinador reconstruíu a biografía dun empresario decisivo no nacionalismo do primeiro terzo do século XX, “Enrique Peinador Lines e Mondariz.Empresa, Turismo e País”.
 

Enrique Peinador asiste a recepción de Castelao na sede da RAG na Coruña no 1934
Enrique Peinador asiste a recepción de Castelao na sede da RAG na Coruña no 1934 | Fonte: galipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.