O Concello de Santiago denegou xa decenas de solicitudes de pisos turísticos

A capital galega aprobou a suspensión cautelar das autorizacións co fin de analizar a situación urbanística da cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago comezou a denegar a posta en marcha de novos pisos turísticos na cidade tras a recente aprobación da moratoria dos procesos de autorización. Na xunta de goberno deste luns aprobouse a suspensión de diferentes solicitudes de licenzas de establecementos turísticos, como unha para un hotel na rúa Gómez Ulla.

Mentres, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicaron que se están rexeitando decenas de comunicacións previas --que non teñen que ir a xunta de goberno-- para pisos turísticos en función desta normativa.

De momento, a capital galega é a única cidade en impulsar unha regulación específica para atallar esta situación. O pleno do Concello aprobou, co apoio do PSOE, BNG e Compostela Aberta, a suspensión cautelar das autorizacións.

Esta moratoria estenderase durante un ano co fin de analizar a situación urbanística da cidade e propor iniciativas reguladoras ante o fenómeno e as consecuencias do auxe dos pisos turísticos. Con esta medida vaise un paso máis aló da limitación imposta a través da modificación do Plan Especial do Centro histórico, estendendo a suspensión a toda a cidade de Compostela.

A pasada semana Xunta e Concello participaron na primeira reunión dun equipo de traballo sobre vivendas de uso turístico, na que acordaron a coordinación entre Policía Local e Autonómica para intensificar a identificación de propietarios, así como do control de inmobles irregulares.

Oferta de pisos turísticos na web Airbnb
Oferta de pisos turísticos na web Airbnb | Fonte: Airbnb

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta