Temas: MúSICA

Samuel Lema: "Ao que fago na poesía non lle chamaría poesía, directamente"

En maio de 2012, Samuel L. París publica Inflamable con Edicións Positivas. O 6 de setembro deste mesmo ano publica unha pequena compilación de textos do libro musicados e recitados. Poden descargarse gratuitamente desde o BandCamp do autor e desde outras plataformas habituais.

Por GC Tendencias | Muros - A Coruña | 08/09/2012 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

"A literatura pode debe arder", proclama este poeta e compoñente dos gastropunkarras "Terbutalina" (eses que comeron o punk e agora están a vomitalo). Pasámoslle un cuestionario para notar a temperatura da súa pira mental, unha fogueira que antes alimentaba no blog "Arrepentirme podería ser algún tipo de arte" pero que, por mor dun tsunami informático, apagouse. Acendeu unha nova cacharela que agora alumea en http://pararaparis.wordpress.com. Teñan o extintor á man. Tamén vale unha póla de amieiro.

Samuel L. París, de Terbutalina
Samuel L. París, de Terbutalina

.- Desmíntanos que Manuel Xestoso e Cid Cabido acaban de sacar "Antón Reixa, ghicho distinto" para levantarlle a moral a este vello Resentido, logo do teu duro verso "Etiopía ten fame/comeuno todo Antón"...

.- Desmentido completamente. O ego de Antón Reixa é indestrutible. Como a súa papada.

.- Que opina do tipo que lle escribiu o artigo da Wikipedia? Como puido obviar algo tan fundamental como que vostede come ovos con tomate, salchichas e arroz? Descoñecemento? Ignorancia atrevida?

.- O asunto está en mans das miñas avogadas e nos pés dos meus podólogos.

Samuel L.París nun concerto
Samuel L.París nun concerto

.- Seguindo co anterior: nembargantes, pon que estivo en Noruega traballando nunha libraría-mercería. Vendía libros con encaixe de Camariñas?

.- Foron uns anos moi duros os que pasei en Langangen. Os dez primeiros meses paseinos intentando sintonizar a TVG. Os catorce meses seguintes paseinos explicándolles aos noruegueses de que ía o Luar.

.- Di que dende este xoves 6 de setembro imos poder escoitar -de balde, na web http://pararaparis.bandcamp.com/- versos musicados de "Inflamable": era necesario?

.- Non. Por iso o fago. Valorar calquera cousa ou acto por ser ou non necesario é unha trapallada do capital. O útil non ten futuro.

.- Entre os "amighos e amighas" que fai no seu poemario: con quen iría comer os callos? Gloria Lago? Yolanda Castaño?

.- Yolanda, por supuesto. Gloria nunca convida a un viño.

.- E con quen iría durmir logo dunha noite de esmorga? Xurxo Souto, Núñez Feijóo, Manolo Rivas?

.- Poder volver con Feijoo… os dous mamadísimos… no seu Citroën… non o cambio por nada!

.- Vostede tamén quere moito a Fernán Vello? Cre que con esta actitude chegará vostede ao apelido do citado?

.- A verdade é que espero chegar a vello. E claro que o quero ben. De feito, agardo herdar a súa chupa e o bocoi de gomina que ten no soto da casa.

.- En que momento vital está Samuel París? Pelos na cona ou cona pelada?

.- Non sei en que momento vital estou.

.- Eleccións vascas e galegas: De verdade quere que Gayoso o de Luar se presente a lehendakari galego? Gañaríamos algo con iso?

.- O equipo de goberno sería bastante brutal, abofé. Se Paco Mi Vida continúa vivo (isto é algo que descoñezo), sería un bo conselleiro de cultura.

.- Vostede é moito de Muros: por que escribe tan pouco nos de Facebook?

.- Facebook eliminou a miña conta polas miñas opinións sobre a valía de Fernando Escartín como Playboy das montañas.

.- No 2007 -xa choveu máis que en Blade Runner- vostede xa se confesaba "Borracho e arrogante". Como o leva o seu fígado?

.- O fígado vai xenial. O mes pasado merquei un por Ebay, baixeime os drivers e xa o instalei. Vai a todo flispín.

.- Agora estílase pouco, pero podemos consideralo como un "polígrafo", xa que lle dá á escritura e á música. En Terbutalina executan vostedes cancións gastropunks. Como definiría o que fai coa poesía?

.- Ao que fago na poesía non lle chamaría poesía, directamente.

.- Como pode ser que neste país de comedores e bebedores inda non saíra un poeta que lle adicara unha oda, por exemplo, ao licor café e varios sonetos aos callos? Ou haino e pasa máis desapercibido que un conselleiro de Feijóo?

.- Ei! Tiña un sobre o licorca no Manual da destrución! Xa vexo que pasou desapercibido…

Ver entrevista completa no xornal Certo.es

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Roberto Sobrado

hoohoho, máis desapercibido que un conselleiro de Feijóo! Nesta entrevista parece que se quixo facer máis interesante o entrevistador que o entrevistado, ou tamén pode ser que se leven moi ben os dous e dean cousas por sabidas. Inda así, gústame a frescura do texto resultante