Feijóo: "É compatible ser nacionalidade histórica e manter unha lealdade exquisita ao conxunto de España"

Avisa a Pedro Sánchez que non tolerará "ser menos" que outras autonomías e "defenderase" se se rompe a "igualdade". "España non pode permitirse ter un Goberno no que exercer o nacionalismo máis insolidario se perciba como un bo negocio", subliña

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzou este luns unha advertencia ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, tras censurar que negociase a súa investidura con partidos "minoritarios" e independentistas: Galicia non quere nin quererá "ser máis que ninguén", pero tampouco tolerará "ser menos" e, se se rompe "a igualdade", "defenderase con todos os medios posibles" que dá a Constitución.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press

Baixo o título 'Tras aquella conversación con Sánchez', o diario 'El Mundo' publica unha tribuna que asina Feijóo na que lembra a conversa que o tamén líder do PPdeG tivo co presidente do Goberno o pasado 17 de decembro: "Quince minutos de charla" nos que o "todo foi cordial", pero cuxa "brevidade" impediu profundar nos asuntos abordados.

Sinala, así, que, ademais de pór sobre a mesa os problemas galegos —como o atraso do AVE ou a "grave crise industrial" en Galicia provocada por "decisións enerxéticas improvisadas"—, aproveitou para advertirlle dúas cuestións: que dificilmente poderá resolver "a crise territorial" se mantén "a débeda" coas comunidades —370 millóns no caso galego—, e "as consecuencias" que pode ter para a España das autonomías "asociarse ou pactar" con quen queren "socavarla".

A pesar da "desconfianza" que lle provoca o Goberno de Sánchez, Feijóo arrinca o seu texto cun recoñecemento á súa "lexitimidade". "É o meu Goberno, como o é para o conxunto de españois, con independencia de que me guste máis ou menos", sinala, antes de confesar, iso si, que lle "intranquiliza tanto o que se plasmou nos pactos (nas negociacións da investidura) como o que se omite".

Ao seu modo de ver, esa "confusión deliberada" no mellor dos casos "abriría a porta a políticas daniñas para o Estado das autonomías" e, no "peor", ocultaría "obxectivos calculados e irreversibles".

"Danar o Estado autonómico ou sometelo a un cuestionamiento permanente equivale a pór en risco as comunidades que o forman e, o que é moito máis importante, aos cidadáns que viven nelas, incluídos os galegos aos que represento", avisa, antes de recoñecer que é por iso polo que opta por dar continuidade á súa conversa con Sánchez a través desta tribuna en 'El Mundo'.

"ANOMALÍA INACEPTABLE"

Feijóo alerta das "dúas premisas nocivas" sobre as que o Goberno e "os seus socios" pretenden asentar "o que chaman diálogo territorial". A primeira, sinala, é considerar que as comunidades "forman parte das negociacións de investidura, ben a través de determinadas formacións, ou ben como destinatarias de medidas acordadas".

Ao seu modo de ver, é "unha anomalía inaceptable permitir que un partido concreto se arrogue a representación de toda unha comunidade" e tamén que o candidato a presidir un Goberno "distinga os servizos que vai prestar aos cidadáns ou os investimentos que vai facer nun ugar ou noutro en función dos apoios".

Sobre todo, Feijóo pon o foco en partidos minoritarios e fai unha velada referencia ao acordo co BNG, sen mencionalo de forma expresa.

"Como pode chegar o Goberno á conclusión de que unha das prioridades de Galicia é o recoñecemento do seu sentimento nacional, tal e como figura nun dos acordos asinados para alcanzar a investidura? En que proceso electoral de calquera índole o pobo galego expresou o seu interese maioritario niso?", pregúntase.

AFECCIÓN Á "MEDULA DA ESPAÑA AUTONÓMICA"

Máis aló destas "contraprestacións inxustificables", Feijóo ve outras "de moito maior alcance" que afectan "a medula da España autonómica" e alerta de "onerosas cesións" que nin sequera garanten "unha lexislatura sen sobresaltos" senón só "unha investidura".

"Nin a bilateralidade que desborda as mesas sectoriais, nin esa prometida 'adecuación' do Estado ás esixencias independentistas, nin moito menos a variedade de novas nacións que se baralla, teñen encaixe no marco político acordado por todos", enumera.

En canto á "segunda premisa perniciosa", apunta a "disfrazar como conflito político delitos contra o Estado e, polo tanto, contra o conxunto de cidadáns" que o conforman.

Neste punto, advirte que "a tradución práctica desta decisión tan equivocada" é que "se pretende emprender a reformulación autonómica ás costas da inmensa maioría dos cidadáns españois que non somos independentistas".

"Está aí acazapada unha división das autonomías que sería claramente un agravio comparativo que non debe permitirse e que ademais é contrario aos principios de igualdade recoñecidos na Constitución (...)", remarca, antes de avisar: "España non pode permitirse ter un Goberno no que exercer o nacionalismo máis insolidario se perciba como un bo negocio".

"Non pode permitirse que a chantaxe duns poucos pese máis que as necesidades sociais e económicas da maioría de españois. Non pode permitirse que a precariedade parlamentaria do Executivo se priorice por enriba do dano que se poida facer ao noso país", apostila.

"CRISE DE DIMENSIÓNS INCALCULABLES"

E é que, ao seu xuízo, esta combinación dun "Goberno hipotecado" e "uns nacionalismos que esqueceron a lealdade institucional e se converteron en independentismo" pode conducir "a unha crise de dimensións incalculables do modelo territorial, que por suposto sempre é suceptible de mellorar, pero que funcionou razoablemente ben".

Feijóo reivindícase como "o responsable democrático de Galicia" e remarca que fala por iso "en nome dun pobo que é plural", pero cuxo "apoio e respecto ao modelo autonómico actual é amplamente maioritario", antes de subliñar que Galicia dixo "non" aos nacionalismos "de forma reiterada" cada vez que se lle preguntou nas urnas.

"Somos exemplo de que é compatible ser nacionalidade histórica e manter unha lealdade exquisita ao conxunto da nación da que formamos parte e á Constitución que garante a súa unidade", remarca.

GALICIA "DEFENDERASE"

Así as cousas, insiste en que resolver o problema creado en Cataluña polo independentismo "trasladando ao conxunto de España a fragmentación, o radicalismo e as políticas aventureiras que nesa terra irmá proliferan, non é unha boa receita".

"Se pretenden establecer unhas novas regras de xogo na política autonómica nas que predomine a asimetría e o privilexio e a inhabilitación sexa un mérito, a postura de Galicia é moi clara. Aseguro con rotundidade que a Xunta prefire un marco dominado pola legalidade, a lealdade institucional, a cortesía nas formas, o multilateralismo, a atención aos problemas reais dos cidadáns vivan onde vivan e a solidariedade entre comunidades", constata.

E lembra que así llo trasladou a Sánchez na súa conversa telefónica, antes de advertir que, se o Goberno escolle un camiño distinto, non está nos plans de Galicia "resignarse, calar e aceptar agravios comparativos".

"Galicia non quixo nunca, nin quere, nin quererá ser máis que ninguén, pero tampouco aguantará ser menos porque todos os españois somos e debemos seguir sendo iguais. Por iso, o Goberno de España, de toda España, debe saber que Galicia velará por que esa igualdade se preserve e, se se vise ameazada, defenderase con todos os medios posibles que nos dá a Constitución na que nós si cremos", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 AtlantiaGZ

Este homiño non será retardado non? Sabe o que é o concerto Vasco? Galiza xa é menos. É o que ten cando se vota a pailáns anti-galegos.

2 Ros

Dende que gobernas xa somos menos ca moitos...porque pareces un home de palla ao que todo lle da igual...sanidade, educaciòn servizos...todo che da o mesmo. Eres un presidente nefasto.

1 unquesabemoito!!!

xa o único que lle falta e ir desfrazado de gaiteiro... o mellor acaba sobrepasando en galeguismo o vello "Vieiras"