Temas: RURAL

Feijóo reafirma o seu compromiso coa rehabilitación de edificios en desuso para revitalizar o rural

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou este luns o novo edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas en Boborás (Ourense) e sinalou que o seu Executivo "seguirá apostando" pola rehabilitación de espazos en desuso para revitalizar os concellos no ámbito rural.

Inauguración do novo edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, en Boborás (Ourense)
Inauguración do novo edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, en Boborás (Ourense) | Fonte: Europa Press

Acompañado doutras autoridades como o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou que este novo espazo inclúe servizos como unha ludoteca, unha aula de atención temperá, outra para a modernización e inclusión tecnolóxica, unha biblioteca, un espazo de formación, un salón de actos e unha aula de música.

O edificio, que anteriormente eran as antigas vivendas dos profesores do CEIP Nosa Señora de Xuvencos, contou cun investimento de case 500.000 euros para a súa rehabilitación e o presidente da Xunta destacou que "mellorará" a vida social dos veciños, ao convertelo nun "espazo aberto para todos".

Así mesmo, indicou que o Goberno galego vai apostar pola rehabilitación e recuperación de edificios en desuso para "seguir dotando" ao rural de máis servizos e oportunidades.

Ademais, Feijóo subliñou que o novo edificio sociocultural é "respectuoso co medio ambiente", xa que conta cun plan de aforro enerxético, que contén actuacións para fomentar a reciclaxe de residuos e accións de sensibilización ambiental, como a recollida de tratamento de augas fluviais para aproveitamento nos aseos.

Temas: RURAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta