A bandeira da liberdade

"En la bandera de la Libertad bordé el amor más grande de mi vida"... Federico García Lorca

Por Luca Chao | Santiago de Compostela | 24/01/2020

Comparte esta noticia

Chámanlle pin parental porque non se atreven a dicir censura educativa previa. Mais isto é a punta do iceberg. Hoxe é dicir que son os pais (por suposto os pais, en masculino) os que teñen que decidir os contidos que recibe o alumnado, e mañá serán outras frontes contra a escola pública. Tratan de despistar, poñendo sombras sobre a escola pública porque non aceptan que estes son espazos igualadores nos que non importa nin a clase socioeconómica nin a orientación ideolóxica das familias. Os señoritos nunca quixeron que as fillas e fillos dos obreiros tiveran os mesmos dereitos. Envalentonados como están, agora decidiron sacar a pasear esa bandeira. Eles teñen un plan claro e por iso deberamos advertir que hai unha batalla ideolóxica servida.

O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162

Por suposto hai quen cuestiona a pertinencia de entrar en cada unha das pelexas que nos impoña o partido de ultra(s)montanos de Abascal, e aínda asumindo os perigos da política reactiva, as que defendemos a escola pública dende unha concepción republicana, como creadora de cidadanía cívica, deberamos aproveitar a ocasión de debater en serio sobre a escola que queremos. Máxime cando se acerca unha nova lei de ensino no estado que substituirá a lei centralista e elitista de Wert e cando Galicia debera traballar nunha norma propia. Leis para unha escola que, convén recordalo, forma parte central da constitución do 78. Velaí unha de tantas contradicións nas que caen eses supostos constitucionalistas de pulseira rojigualda e misa dominical.

Hoxe queren autorización previa, ou máis ben, posibilidade de non autorización de asistencia a charlas de orientación sexual, e mañá será a a supresión da historia do pensamento marxista ou a imposición do creacionismo nas aulas. Non se trata do seguinte capítulo da distopía de Margaret Atwood, o creacionismo bíblico é xa impartido en moitas aulas dos estados unidos de Norteamérica, iso tamén en nome da liberdade.

Chámenme ilusa, pero eu pensaba que a ciencia era un valor supremo, moi superior ao desa suposta liberdade que habilita a entrada de magufadas ou pseudociencias nas escolas. E por suposto négome a aceptar que exista un suposto dereito a que un pai ou unha nai poda escoller que a súa filla ou fillo se eduque, ou non, nos valores da liberdade e o respecto. Esa é precisamente a liberdade que toca garantir, a de todas as nenas e nenos a coñecer múltiples formas de pensar, de vivir e entender o mundo que os rodea. A liberdade mesmo de cuestionar os valores que adquiren nas súas familias.

Cómpre lembrar tamén, que a censura educativa previa non é unha novidade no noso país. O PP de Feijóo xa enredou no pasado con este tipo de censura en nome da liberdade pretendendo que foran as familias as que decidiran o idioma de escolarización do alumnado, un desatino que finalmente tumbaron os tribunais. É dicir, que o PP ten a tentación periódica de perverter o uso de palabras como liberdade para resignificala xusto no que eles queren, eliminar a diversidade impoñendo unha única forma de ser e estar no mundo.

Fronte a isto, democracia. Hai dous meses no parlamento galego fomos quen de sacar adiante por unanimidade unha iniciativa para a incorporación da educación afectivo-sexual nas escolas de modo que se garanta como un dereito independente da vontade dos equipos directivos escolares, da orientación ideolóxica dos gobernos, das familias, ou do carácter público/privado dos centros. Unha formación sexual e emocional que dote ás rapazas e rapaces das ferramentas necesarias para labrar relacións informadas, libres, saudables e equitativas. Unha formación que axude a rachar cos estereotipos de xénero, que supere o heteronormativismo, respecte a diversidade, que diga que normalidade é unha invención e que non hai nada máis democrático que o respecto á todas as diferencias. Que poden ser quen queiran ser, e que poden e deben amar e desexar libremente. Que o alumnado nas escolas adquira coñecementos sobre educación afectivo sexual baseada na empatía e na diversidade é a mellor garantía de termos nenas e nenos, mozas e mozos libres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Luca Chao
Luca Chao Lugo, 1988. Politóloga, investigadora, voceira do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia e secretaria de municipalismos de Podemos Galicia. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago (2011) e Máster en Migracións Internacionais (2012) pola Universidade da Coruña. Nese ano iniciou a súa tese de doutoramento, en suspenso desde que accedeu no 2016 ao seu escano de deputada no Parlamento de Galicia. Tamén a súa faceta docente no grao de Socioloxía da Universidade da Coruña.