Verín acolle o primeiro mercado profesional de música e cultura de Galicia e Portugal

O primeiro MUMI, Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, celebrarase do 12 ao 14 de marzo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O Concello de Verín reunirá aos amantes da música galega e portuguesa na primeira edición do MUMI, Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, que se celebrará do 12 ao 14 de marzo.

O evento foi presentado este martes na Casa da Cultura de Verín nun acto que contou coa participación do director de Agadic, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Termalismo, Turismo e Medio, Ana Villarino; o tenente alcalde e a concelleira de Cultura de Verín, Diego Lourenzo e Emilia Somoza, e os representantes de MUMI Galicia e Portugal, Manuel Vicente 'Roxo' e José Costa.

O MUMI é o "primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal", segundo explicou Jacobo Sutil. O evento está promovido por unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués.

Este evento musical aspira a manterse no tempo e "ser un lugar no que profesionais, institucións públicas e fundacións culturais, entre outros, se dean cita para falar sobre os problemas do traballo conxunto e aposten pola creación de sinerxías", manifestou desde a organización 'Roxo'.

Con este evento, "as empresas e sponsors teñen a posibilidade de facer da cultura a súa bandeira, xa non só financiando a feira, senón atopando canles de difusión entre Galicia e Portugal", sinalou 'Roxo'.

Do que se trata é de "establecer puntos de encontros" que permitan "comprar e vender música de forma estable e mostrar as propostas máis destacadas de ambos os territorios nun espazo común".

PROGRAMACIÓN

A feira mesturará encontros profesionais con actividades abertas ao público en xeral. A programación incluirá actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial coa presenza de empresas das diferentes áreas do sector.

O prazo de presentación das propostas artísticas para participar no encontro está aberto desde hoxe ata o día 11 de febreiro e a inscrición pode realizarse a través da web mumimusicas.eu. As bandas ou artistas de Galicia e Portugal que teñan un proxecto musical, independentemente do tipo de formación ou estilo, poderán presentarse a este encontro.

Mercedes Peón
Mercedes Peón | Fonte: REMITIDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta