Quique Peón, bailador: "A danza tradicional debería estar presentísima na escola"

O coreógrafo chama pola implicación da administración para poñer en valor o baile galego e insta a engadir a danza nos currículos educativos. Aquí van algunhas das reflexións sobre a danza.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2020 | Actualizada ás 22:23

Comparte esta noticia

Instaurar como materia nos conservatorios o baile tradicional galego, poñer en marcha axudas públicas para que os grupos poidan divulgar a danza no exterior e crear unha federación que una a todas as persoas do eido en activo. Estas son as tres grandes contas pendentes que o bailador e coreógrafo Quique Peón pon enriba da mesa de cara a mellorar a estima polo noso patrimonio inmaterial. Trátase, di el, de construír uns pés de hórreo fortes que sexan quen de elevar e aguantar toda unha estrutura artística secular. 

Quique Peón Cía
Quique Peón Cía | Fonte: redescena.net

A administración e a carencia de recoñecementos institucionais enfiaron toda a conferencia que Quique Peón ofreceu este mesmo martes no Consello da Cultura Galega, no marco da xornada 'O estado da danza en Galicia'. Ademais de Quique Peón, outras moitas persoas expertas, investigadoras e xestoras déronse cita tamén neste espazo de diálogo co gallo de analizar a situación dun sector que anda lonxe de estar o suficientemente atendido por parte das institucións.

BAILE DENDE CATIVAS

Unha das principais propostas abordadas no seo da xornada foi a inclusión desta disciplina no sistema educativo, tanto no ensino obrigatorio coma no marco universitario. "A danza tradicional debería estar presentísima na escola", sentenza Quique Peón. "A rapazada debería comezar os primeiros movementos polo baile tradicional. Está moi ben falar inglés e falar español, pero primeiro temos que saber falar galego", compara. O baile anda tan dentro que mesmo conta que as crianzas son quen de aprender a muiñeira nun abrir e pechar de ollos. "É innato!". 

Para Peón, a nosa danza forma parte da identidade propia, e daquela, ten un "valor engadido que non ten calquera outra". Por iso, é dende ela dende onde hai que partir para sermos capaces de lle ofrecer algo diferente ao mundo. Segundo expón, non comprende que nos conservatorios de Galicia non haxa aulas obrigatorias de danza tradicional. "Dende as institucións queda moito que facer".

A CREACIÓN DUN ARQUIVO 

Unha das reivindicacións ás que cumpriría dar pronta resposta ten que ver coa creación dun arquivo único que recompile todas as recollas que se fixeron ao longo das aldeas do país. Trátase dunha proposta que vén de lonxe no sector. "Moita xente fixemos un traballo inxente de recollidas de campo, investigamos polas aldeas e batemos con grandísimos artistas, con bailadores dun nivel alucinante", relata. Isto que "é de todos nós" anda esparexido por casas particulares e arquivos soltos en varias institucións. Cómpre, axiña, poñelo "en común" e poñelo "en valor". 

DA MAN DOUTRAS LINGUAXES

"Hai espazos para crear sinerxias entre danzas?", pregunta o interlocutor da mesa redonda. "O Centro Coreográfico Galego debería tirar por aí, isto é, traballar na investigación dos nosos movementos sendo inclusivo coas outras linguaxes", pensa Peón. O traballo de vangarda "está por falar", mais móstrase convencido de que cómpre avanzar na danza contemporánea para construír unha "danza de futuro". "Un pobo que xa non crea deixa de ser pobo", sentenza. "Debemos mimar a tradición, pero tamén ir máis alá... Neotradición? Danza evoluída? Haberá que buscarlle un termo". 

O debate da formación e da situación laboral do profesorado de baile tamén entrou en xogo na conferencia. Dende o público que acudiu ao acto criticouse que moitos dos mestres e mestras traballan en negro. Enriba da mesa púxose, daquela, a necesidade de regrar as contas das asociacións culturais para que os profesionais do baile regularicen as súas situacións laborais.  De novo, o papel ausente da administración volveu saír na conversa. 

Quizais, o recoñecemento do baile tradicional como Ben de Interese Cultural no que se está traballando impulse esa implicación pública tan demandada no sector. "Con esa idea se fai", constata Peón. Polo de agora, e aínda que o proceso vai devagar, xa se incoou o expediente. 

MÁIS INTERVENCIÓNS

Ademais de Quique Peón, durante a xornada 'O estado da danza en Galicia' tamén expuxeron os seus puntos de vistas outras moitas persoas do eido. A investigadora e docente Mercedes Prieto apuntou tamén a necesidade de que a danza sexa unha materia máis do currículo, que se entenda a súa capacidade transversal e integradora desta disciplina. E foron Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Coruña, e Manuel Viéites, director da ESAD, os que debullaron a necesidade dunha Escola Superior de Danza de Galicia.

Xa pola tarde, o crítico Afonso Becerra trazou un relato cronolóxico da danza en Galicia e a xestora cultural Sabela Mendoza abordou os novos contextos para as artes do movemento. A xornada rematou coa intervención do director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira, que ofreceron o punto de vista institucional e relataron as accións que desde a administración se están a facer neste eido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Galeguiña

Dende certa perspectiva, a “anormalización lingüística” revela o seu carácter de esperpento, cando se traslada a outros obxetos culturáis diferentes da língua. Porque en esencia, o que se entende por políticas de normalización, isto é: lexislar e “promocionar” dende a obrigatoriedade un obxeto cultural para, segundo a opinión favorable dos seus promotores, preservar dito obxeto, atenta contra a liberdade e os dereitos dos cidadáns e resulta ridículo. Imaxinan vostedes que aos rapaces se lles obrigase na escola a bailar a muiñeira? Ou que se establecese por lei que os nenos teñen que ir a clases de gaita e pandeireta porque senon pérdese o folclore? Mais ainda, e se todos tivésemos que comer cocido e pulpa á feira, sí ou sí? Pois iso é o que moitos tragan e aceptan se mais no tema da língua. No fondo están os intereses políticos dos nacionalistas, que non teñen reparo en usar estas cousas para se promocionar eles e a súa reaccionaria idea de país.

1 Sentidiño

Si, o lugar dos fósiles está nos museos; a lingua para as bibliotecas; deberíase prohibir comer pulpo, e metelo todo en vitrinas... as subvencións pró reguetón!

2 Galeguiña

O que parece mais razoalble é deixar que os cidadáns participen destes obxetos culturais, língua incluida, dende a liberdade individual. A promoción destas manifestacións rexionáis non pode ser imposta a maior gloria dunha identidade propia claramente manipulada polos intereses do nacionalismo. Senon fose pola artificiosa lexislación a prol do coñecemento obrigatorio do galego para o acceso á función pública, caseque ningún funcionario se molestaría en presentar ditas acreditacións. Entre outras cousas porque non se precisa nin interesa. Non hai galego que non entenda e fale, mellor ou peor, ámbalas dúas línguas oficiáis. E que esto dí, non tivo que sufrir ao longo da súa escolarización, a obrigatoriedade de estudar galego nin en galego