Feijóo anuncia axudas para que os pais autónomos contraten a outra persoa mentres coidan do fillo

O presidente da Xunta confirma que este xoves o Executivo galego aprobará a lei de impulso demográfico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores axudas por valor de 9.000 euros para que os autónomos poidan financiar ata o 75 por cento da escola infantil do primeiro fillo durante o primeiro ano e poidan contratar unha persoa que substitúa a nai ou pai autónomo que acaba de ter un fillo.

"Estamos a falar dun programa que consiste en primeiro lugar nunha axuda de 6.000 euros para que poidan contratar a un traballador que substitúa o pai ou a nai autónomo que acabe de ter un fillo e, adicionalmente, terán unha axuda de ata 3.000 euros para financiar o 75 por cento da escola pública durante o primeiro ano", engadiu.

Durante unha visita á escola infantil A Tomada, na Pobra do Caramiñal, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente afirmou que a Xunta seguirá comprometida para "garantir as máximas facilidades e o máximo apoio" ás persoas que toman a decisión de ter fillos.

Respecto diso, referiuse a este centro, aberto pola asociación de empresarios do polígono cunha axuda da Xunta de 200.000 euros, como unha boa mostra do camiño a seguir, contando coa "implicación decidida" do tecido empresarial e cun "apoio contundente" da Administración autonómica.

Feijóo avogou así pola "colaboración leal e estreita" entre os axentes privados e as administracións públicas para afrontar "un reto que é de todos: dotar de todas as facilidades de conciliación ás familias galegas". Precisou que esta liña de apoios permitiu impulsar outras dúas escolas infantís --a de Río do Pozo, en Narón, e a do polígono de Mos--.

Ao tempo, lembrou que a partir do 1 de abril uns 12.500 nenos e nenas de Galicia poderán ir á escola infantil de forma gratuíta, xa que se activará a gratuidade para as gardarías a partir do segundo fillo. Galicia convértese na primeira autonomía que toma esta decisión, remarcou Feijóo, "con independencia da idade do primeiro fillo e con independencia da situación desa familia".

LEI DE IMPULSO DEMOGRÁFICO

Ademais, o presidente subliñou que a conciliación "seguirá sendo unha das grandes prioridades" e confirmou que este xoves o Executivo autonómico aprobará definitivamente, para a súa remisión á Cámara, a lei de impulso demográfico. Un documento, remarcou, que incorporou a gran maioría das suxestións do Consello Económico e Social (CES), que fora bastante crítico co texto.

Por último, Feijóo concluíu lembrando que hoxe os galegos contan "con máis alternativas para conciliar", xa que o número de prazas públicas de escolas infantís se duplicou desde o ano 2009, chegando ás 25.000 actuais. Tamén con máis prestacións, como a 'Tarxeta Benvida' e con outros apoios como o 'Bono Coidado'.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, visita a escola infantil A Tomada, na Pobra (A Coruña). XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, visita a escola infantil A Tomada, na Pobra (A Coruña). XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta