José Luis Perales en Galicia

Será o 6 de xuño de 2020, ás 9 da noite, no Pazo da Ópera da cidade de A Coruña. José Luis Perales actuará en Galicia dentro da xira de dicir adeus aos escenarios, como acaba de facer Jean Paul Gaultier no mundo da moda. Semella que vivimos nun tempo de despedidas.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 26/01/2020

Comparte esta noticia

O lider do grupo The Cure, Robert Smith, opina que moitas persoas adoitan ter como favorita a música que lles encantaba sendo adolescentes. Polo tanto, no caso do compositor e cantante de Castejón, na Alcarria, Cuenca, o oínte escollerá os discos de Perales que escoitou durante a adolescencia.

José Luis Perales
José Luis Perales | Fonte: cubasi.cu

Hai, con todo, dúas canción escritas por este home que son parte do tesouro musical da memoria colectiva. A primeira, para sempre ligada á escena do baile das irmás na película “Cría cuervos” de Carlos Saura, é “¿Por qué te vas”, interpretada por Jeanette. A segunda, tamén dotada de grande beleza e emoción, é o éxito de Miguel Bosé “Morir de amor”.

Mais talvez non é inadecuado pensar que os éxitos non sempre son o mellor dun artista. Por este motivo, vén a continuación unha lista alternativa, con vinte e cinco cancións menos coñecidas pero extraordinarias (sería magnífico que Perales escollese algunha delas no concerto, escapando por un intre do máis obvio):

Adrián
Ámame
Ay Corazón
Canción de otoño
Carta para María (A mi hija)

Cuando vuelvas
El escultor y ella
El hombre y la sirena
El loco
El pastor

El reencuentro
Entre tú y yo
Es la verdad
Isabel
Marruecos

Me llamas
Melodía perdida
No sé, no sé
No soy uno más
Pensando en ti

Recuerdo un tren
Samaritanas del amor
Un velero llamado Libertad
Veinte años
Y sigo enamorado

Escoitando estas cancións - moitas delas traen lágrimas - nótanse unha serie de detalles interesantes. Como se aprecia nos títulos, este autor segue o método de Bruce Springsteen: para ofrecer variedade nos temas predominantes do amor, a nostalxia e a soidade, crea personaxes e vidas, dunha forma sucinta pero literaria, con metáforas que en ocasións sorprenden (por iso Perales era un favorito do Nobel Gabriel García Márquez).

En canto á música, hai na voz tonalidades que traen á mente musical recordos a James Taylor en especial, pero tamén a Roberto Carlos, a Joan Manuel Serrat e a Joaquín Sabina. Mais, en realidade, o principal ídolo para el é Charles Aznavour. É doado imaxinar a Aznavour interpretando a lóxica melódica de “Me llamas”. Por desgraza, a brillante estrela franco-armenia xa faleceu o 1 de outubro de 2018, e xa non existirá un tema de Perales cantado por el. Pero, curiosamente, o vocalista conquense realiza o milagre de converterse no propio Aznavour por uns segundos na alongada palabra “entre” dentro do tema “Samaritanas del amor”.

Como consolo para Perales, outros e moi numerosos artistas gravaron as súas composicións, entre os cales están Ataque 77, Basilio, Daniela Romo, Dyango, Elefantes, Julio Iglesias, Isabel Pantoja, Iván, Marián Conde, Massiel, Mocedades, Paloma San Basilio, Raphael, Rocío Jurado, Rosa López, Vikki Carr e Yuri.

A pesar de toda esta aceptación por parte dos seus colegas e por parte do público, sobre todo en Ibero América e na emigración galega e española, hai dúas cuestións problemáticas relativas a José Luis Perales. En primeiro lugar, está o paradoxo de que este artista tan esencialmente democrático destaque polo altísimo prezo das entradas a algunha actuación da súa xira de despedida, que en relación coa proximidade ó escenario poden variar entre 50 e 250 euros. E, por outra banda, desconcerta que nas entrevistas pareza tan “normal”. Un dos poucos elementos que o diferencian é a súa paixón polo escultor Henry Moore. Pode ser que esta sexa unha falsa percepción, unha extensión da sinxeleza das súas cancións, nas que non hai pretensión de empregar palabras moi sofisticadas, nin de cambiar de estilo ou de experimentar e evolucionar.

Queda, pois, o reto de encontrar - nas gravacións ou nos poucos concertos que quedan nesta xira do adeus de Perales - unha solución ó misterio da procedencia desas melancólicas notas de piano, desa sensibilidade cantando, e desa profundidade analizando incansable a natureza do amor e dos sentimentos. Ten rexistradas máis de cincocentas cancións.

En febreiro de 2019, José Luis Perales Morillas recibiu de mans do rei Felipe a Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes. El mantén sempre a humildade – en “Mi último espectador” advirte que ten unha “voz pequena” – e a reserva na vida privada, con catro décadas xunto á súa amada Manuela Vargas. A única queixa que se lle escoita nas entrevistas é a de que a súa terra, situada entre Cuenca e Guadalajara, está moi esquecida en España. Se o desexa, pode acordarse cando veña en xuño de que foi un Nobel galego, o padronés Camilo José Cela, quen puxo á Alcarria no coñecemento dos amantes da literatura.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".