Case a metade da superficie forestal queimada en España en 2019 ardeu na zona noroeste

O ano 2019 pecha con 83.962 hectáreas arrasadas, o sexto exercicio do decenio con máis superficie ardida.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 22/01/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O ano 2019 arderon en España un total de 83.962 hectáreas de superficie, máis do triplo que en todo 2018, pero un 15,26 por cento menos que a media do decenio, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que confirman que o ano pasado foi o sexto con máis superficie queimada do últimos dez anos en España.

Incendio no pobo de Cudeiro (Ourense). ROSA VEIGA - Arquivo
Incendio no pobo de Cudeiro (Ourense). ROSA VEIGA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Estes datos coinciden co informe publicado xa por Galicia Confidencial que suliña que case a metade dos incendios forestais declarados en territorio español peninsular nas últimas cinco décadas producíronse en Galicia; en concreto, o 43,94 % do total de focos rexistrados entre 1968 e 2017. Así o recolle un estudo recente titulado ‘Comportamiento temporal de los incendios forestales en España peninsular’, asinado por investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, do Grupo  Mesturas do Departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia ( IIAG-CSIC).

Segundo o avance de datos provisional de incendios forestais do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2019, case a metade da superficie forestal queimada (o 46%) produciuse no noroeste --que comprende as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco e as provincias de León e Zamora--, xa que o Ministerio só ofrece datos por zonas e non por comunidades.

Ao longo do ano pasado producíronse 10.883 incendios en España, dos que a maioría, 7.290 sinistros, é dicir o 66,98 por cento foron conatos, nos que ardeu 1 hectárea ou menos.

Do resto, 3.593 incendios superaron a hectárea de superficie queimada e deles, 14 pasaron a barreira de 500 hectáreas afectadas, o que os sitúa na categoría de grandes incendios forestais (GIF). A cifra de grandes incendios é catro veces superior á de 2018, cando se produciron tres grandes lumes, pero queda lonxe da media do decenio, con 23 GIF, unha media que en parte se debe aos anos 2017, 2012 e 2011, cando se contabilizaron 56, 42 e 24 sinistros de grandes dimensións respectivamente.

Por tipo de vexetación case a metade, 47.544,31 hectáreas eran de matogueira e monte aberto; 26.252.32 hectáreas de superficie arborada e 10.166 hectáreas de pastos.

REPUNTE

Por tanto, o ano 2019 supuxo un repunte en materia de incendios, que ía en descenso desde o ano 2012, excepto polo aumento de 2017. Con todo, en termos xerais no último decenio experimentouse unha evolución á baixa no número de sinistros, xa que no ano 2009 contabilizáronse 15.643 lumes, fronte aos 10.883 sinistros de 2019.

En canto á distribución xeográfica, o 43,03 por cento dos incendios produciuse no noroeste; o 38,72 por cento nas comunidades interiores; o 17,66 por cento no Mediterráneo e o 0,59 por cento en Canarias.

Do total de incendios, o 45,98 por cento da superficie forestal queimada ardeu no noroeste; o 28,50 por cento nas comunidades interiores; o 13,69 por cento, no Mediterráneo e o 11,83 por cento, en Canarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta