Xornadas sobre ilustración en Allariz

O 31 de xaneiro e o 1 de febreiro terá lugar a IV edición do festival "Allariz Debuxado"

Por X.M. Fernández | Allariz | 23/01/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Aproveitando que o día 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración e o nacemento de Castelao, o Concello de Allariz programa un amplo programa de conferencias a cargo de ilustradores que destacan na súa profesión e tamén unha Feira de Creación na que participarán arredor de 20 expositores.

Presentación do evento no concello. Fonte: Concello de Allariz
Presentación do evento no concello. Fonte: Concello de Allariz

O evento chega á súa IV edición e está organizado, ademais de polo concello, polas empresas e colectivos locais Aira Editorial, Aira das Letras, Punto e Coma, Espazo Ben Común, Maruxairas e as escolas de Arte Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picaso da Coruña.

O venres 31 durante todo o día haberá conferencias a cargo dos ilustradores David Lafuente, Ester García e Tomás Hijo no Fogar dos Maiores (de 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 pola tarde). Un concerto do dúo "Piratas sen Parche", no café bar Catro Portiñas, poñerá fin a esta primeira xornada.

E para o sábado 1 de febreiro está programada a III Feira da Creación, de 11:00 a 20:00 h. na Praza de Abaixo sempre que o tempo o permita. Vinte expositores amosarán o mellor das súas creacións ao público. Paralelamente, entre as 11:45 e as 13:30 h. na Fundación Vicente Risco, presentaranse a novela gráfica "Grandarroiba" de Cristian F. Caruncho e outras micropresentacións de diversos artistas emerxentes.

Esta xornada rematará co relatorio do debuxante Manel Cráneo, "A experiencia de Demo Editorial", un referente en novela gráfica e banda deseñada en galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta