Emigración, Galicia queda sen a xeración mellor preparada e sen expectativas para o retorno

Os datos sobre emigración seguen dividindo aos partidos en Galicia. Mentres que para oposición o saldo é moi negativo, o PP destaca que a década remata en positivo. Os datos do INE falan de case 14.000 persoas que marcharon en 2018. A xente nova e mellor preparada é a que escolle emigrar por falta de oportunidades e un mercado laboral precario.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A emigración segue deixando unha fonda pegada tanto no campo demográfico como en desenvolvemento científico e social. Así o ven algunhas voces que negan a efectividade das políticas de retorno da Xunta de Galicia e remarcan que as axudas a emigrantes retornados tampouco son efectivas. A isto engádeselle que a volta máis numerosa son galegos de primeira e segunda xeración, a maioría deles de lugares onde as condicións de vida empeoraron nos últimos anos.

Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois. EUROPA PRESS - Arquivo
Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois. EUROPA PRESS - Arquivo

Tamén hai retornados de primeira xeración que volven coas súas pensións do país onde viviron por unha cuestión de aforro. Con todo, por que segue emigrando a xente nova e coa mellor formación en xeracións?

AXUDAS PARA RETORNADOS

A Estratexia Retorna 2020 da Secretaría Xeral de Emigración, dependente da Presidencia da Xunta, busca consolidar a estadía de persoas que deciden retornar a Galicia. Desta maneira habilitaron liñas de axudas para emprendedores, bolsas para mestrados e outras áreas. Mais estas propostas do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, non teñen efectividade ningunha para a oposición parlamentaria.

Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, ademais de sinalar que a xente nova segue marchando de Galicia, subliña tamén que “a propaganda destes días sobre os retornados oculta a realidade. Os que están retornando non son mozos e mozas que se foron”. Chao non ve as medidas de retorno da Xunta como pensadas para a xente retornada. “O programa estrela do plan retorno está pensado para emprendedores, persoas que tiñan negocios fóra e que os instalen aquí”.

Secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, en Ourense
Secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, en Ourense

Desde En Marea, Paula Vázquez Verao, as axudas poderían servir para consolidar a vida dos mozos e mozas retornados e para teren unhas condicións de traballo dignas. Con todo as axudas non son suficientes para Vázquez Verao, porque “ademais de falta de investimento en I+D+i, hai moita mocidade cualificada que prefire coller traballos de alto nivel en Europa, porque aquí xa vemos que pasou cos investigadores”.

No orzamento para 2020 “había unhas bolsas especiais para estudantes que viñan de Venezuela, era unha cantidade pequena ademais de axudas para emprendedores retornados de calquera país” di Patricia Vilán, do PSdeG. “O problema está na equiparación de títulos para estudantes, se non existe, non teñen acceso ás bolsas”. Por outra parte, as persoas que veñen traballar como emigrantes retornados e moitos non tiñan alta na Seguridade Social do país onde vivían. “Non hai documentación para xustificar que traballaban nese país e por tanto non poden pedir as axudas”.

Non chega cun plan que só vai pola foto e que non soluciona o que é un problema estrutural” sinala Montse Prado do BNG. “Quen retorna son galegos ou fillos e netos de galegos que fuxen duns lugares onde as situacións social e económica son desfavorables”. Os datos que ofrece Prado falan de 200.000 persoas emigradas en dez anos, sendo o número de mulleres novas superior ao dos homes.

Raquel Arias, do PP, afirma que o plan Retorna 2020 busca atraer a 20.000 galegos, un 60% menores de 45 anos. O orzamento total do plan é de 235 millóns de euros para máis de 200 medidas en marcha desde todas as institucións da Xunta. “En 2019 axudouse a 20 familias directamente con axudas para retornar, houbo bolsas de excelencia para mocidade exterior, unhas 170 persoas” sinala Raquel Arias. A deputada popular sinala tamén que todas as consellerías teñen en marcha apoios específicos para os que son emigrantes retornados dos que “o 60% dos que pediron axudas asentáronse no rural con medidas específicas e transversais”.

MOVEMENTO CONTINUO CARA FÓRA

Nos últimos dez anos saíron 103.000 persoas entre 16 e 34 anos” di Luca Chao. Unha boa parte das persoas que buscaron oportunidades fóra, eran persoas cunha alta cualificación académica. A deputada de En Común da Esquerda ve nisto unha clara desatención ao potencial interno que ten Galicia. Por iso cre que as políticas de migración do goberno Feijóo “se dirixen a un público específico, a segunda xeración, os nacidos no estranxeiro, mais non creou unha política que evite a marcha de xente nova e propiciar o retorno desa xente”.

“Si hai constancia dunha saída de persoas cara mercados máis atractivos segundo a súa formación” sinala Vázquez Verao. Un deses mercados, o británico, agora mesmo está creando dúbidas polo Brexit, que co goberno de Boris Johnson, parece estar xa encarreirado. Verao sinala tamén a tendencia de “mocidade cualificada que prefire coller traballos de alto nivel en Europa”. A explicación está en ver o que pasou cos investigadores cunhas condicións moi precarias a maioría deles.  “Na práctica a maioría das axudas para traballo para xente nova non se executan, así como as de vivenda social” explica Patricia Vilán. A política para a xente nova en Galicia ten unhas fallas enormes, iso explica “que a xente marche e por outra parte, que haxa menos fillos que no resto de España”.

Se falamos de expectativas pouco favorables dentro do ámbito urbano, así como no ámbito de persoas con estudos superiores, Montse Prado engade a isto “que se emigra máis desde o rural, sobre todo mulleres novas pola falta de oportunidades ademais da sobrecarga de traballo engadido”. Outras forzas políticas non puideron avalar este dato. Onde si parecen coincidir os demais grupos con Prado é que “desde o comezo da crise económica en 2008 houbo un aumento permanente no número de emigrados”.

Raquel Arias, preguntada sobre o balance migratorio en Galicia contesta que “obxectivamente na última década entraron máis persoas das que saíron, o último ano que se pode contabilizar, 2018, entraron 13.000 persoas máis das que saíron”. Arias estima ademais que con carácter xeral “Galicia recebe máis xente da que se vai e volve un número importante de retornados”.

MEDIDAS PARA FREAR A EMIGRACIÓN

As propostas para frear a emigración de persoas, a maioría xente moi nova e moita ben preparada, piden un cambio radical no conxunto de políticas sociais, laborais e de investimento. Non obstante, tamén hai quen defende as políticas de retorno actuais levadas adiante pola Xunta e por tanto, non ven necesidade de cambios no modelo actual.

“O programa Retorna 2020, facilita que os retornados podan empregarse aquí ademais das bolsas de mestrado” lembra Raquel Arias. A deputada do PPdeG ve algunha eiva cando “a parella da persoa retornada non é española ou os fillos pois pode haber problemas cos permisos de traballo”. Desta maneira, “levaremos ao Parlamento que simplifique e flexibilice os trámites para esa xente e a homologación de títulos”.

En Marea analiza a situación como un conxunto estrutural que debera cambiar totalmente, desde as infraestruturas ata as mesmas políticas internas en todos os seus aspectos. Sobre isto, Vázquez Verao sinala un cambio necesario e urxente da lei sobre a cuestión demográfica por que “as políticas natalistas non serven e tamén hai que dignificar as condicións de traballo”. Ven necesario que as infraestruturas “vertebren o país coa supresión das peaxes e melloras no transporte públicoe apoiar o medio rural”.

Luca Chao analiza a situación das persoas tituladas que marchan como unha perda de capital, “porque costou moito formar esa xente”. O principal punto para o Grupo Común da Esquerda é enfocarse en políticas activas de emprego, “este foi un aspecto en que o goberno de Feijóo nestes dez últimos anos é onde máis recortou”. A deputada lembra que “en torno un 60% dos fondos para políticas activas de emprego foron eliminados, ou cambia ou a xente non retornará”. Sobre a mellora de políticas en emprego digno, vivenda e oportunidades coincide con Patricia Vilán.

Montse Prado ve necesario que “haxa un goberno que crea no país e leve adiante unha serie de reformas para consolidar proxectos produtivos, isto non sería inmediato, por tanto falamos dun cambio do modelo produtivo”.  Raquel Arias ve positivamente as políticas aplicadas pola Xunta de Galicia “que está tendo moi bos resultados e ante o reto demográfico que vive Galicia é necesario atraer xente de fóra”.  Sobre isto último sinala que “temos unha oportunidade importante, xa son galegos e teñen máis en común con nós”.

As posturas son totalmente dispares. A oposición ve un saldo migratorio absolutamente desfavorable para Galicia, cunha perda de xente nova, moita dela con preparación superior, e que isto afonda máis a desestruturación do territorio así como o avellentamento da poboación. Pola súa banda, o PP, considera positivos os datos dos últimos dez anos, estimando maior o número de persoas que entraron que as saídas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

En Venezuela hai unha inflación do 9.500 % ao ano. E o pais mais rico en petróleo do mundo, e hai problemas de abastecimento .Un desastre total.Nada que ver con Galicia. As cooperativas no rural xa están fomentadas, xa hai una facenda galega respecto de determinados tributos. E Galicia é un pais de xente moi maior, con moitos pensionistas, e moitos perceptores de axudas. As pensións en Galicia son moi deficitarias.

1 Ana

Mentras Euskadi atrae inmigracion na Galiza a xente emigra.Menos centralismo e mais xestionar nos os nosos recursos ; Facenda galega, tarifa electrica galega, xestionar as peaxes, banca publica galega, fomentar cooperativas no rural, etc. Cando os venezolanos emigran criticase ao goberno de aquel pais mais non escoito a mesma dura critica aos que gobernan na Galiza e no estado español pola emigracion masiva de miles de galegos.