Feijóo denuncia o "furto" do IVE a Galicia e acusa o Goberno central de usar o diñeiro para "compromisos electorais"

Móstrase sorprendido pola reunión "semiclandestina" de Ábalos con ministros de Nicolás Maduro e anima a Sánchez a recibir a Guaidó.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/01/2020 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, censurou o "furto" que, ao seu xuízo, está a realizar o Ministerio de Facenda pola negativa a abonar os 200 millóns da liquidación da última mensualidade do IVE do ano 2017.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo | Fonte: Europa Press

"Utilizaron o diñeiro das comunidades autónomas para financiar a suba do 0,9% das pensións, está a utilizar o diñeiro que non é seu para os seus compromisos electorais", subliñou Feijóo, despois de visitar a caseta galega en Fitur.

Neste sentido, avisou ao Goberno central de que "sería ridículo" que os presidentes autonómicos tivesen que acudir á Audiencia Nacional a denunciar este feito. "Cal é o cartón de presentación dun país no que as comunidades denuncian ao Goberno central por moroso?", preguntouse o líder galego.

REUNIÓN "SEMICLANDESTINA"

Doutra banda, mostrouse sorprendido pola reunión "semiclandestina" do secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos, con ministros de Nicolás Maduro e instou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a recibir a Juan Guaidó este sábado en Madrid.

Feijóo esixiu a Ábalos "dar conta" aos españois da reunión que mantivo presuntamente no aeroporto de Barajas con Delcy Rodríguez, vicepresidenta de Nicolás Maduro sometida a sancións europeas que lle impiden pisar a UE.

"Ou España está coa liberdade ou está en contra, ou está con réximes homologables aos españois e á Unión Europea ou está en contra", subliñou o líder 'popular' pedindo a Sánchez que mostre o seu apoio a Juan Guaidó.

Precisamente, Feijóo instou a Sánchez a que "rectifique" e reciba a Guaidó este sábado en Madrid. O dirixente venezolano estará nun acto na capital española coincidindo coa súa xira europea, e no que estará arroupado por distintos líderes do PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Coruñés

Cando estaba o señor Rajoy na Moncloa non vía eu a Feijóo tan reivindicativo cos intereses de Galicia.