Gómez-Reino: "Galicia En Común é un proxecto consolidado, pero as portas están abertas. Non sobra ninguén"

Coincide na necesidade de "ensanchar" o espazo político con outras formacións como Anova e cre que na primavera debe estar definida a candidatura. Di xogar co "aval" de ser forza do Goberno estatal, en quen confía para manter a estabilidade ante unha "esixencia" moi "alta". Nese sentido, cre que se deberá buscar unha solución aos 200 millóns do IVE que lle corresponden a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2020 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, reivindicou a "fórmula" de Galicia En Común como a ferramenta adecuada para representar á chamada esquerda rupturista nas eleccións galegas deste ano, nas que confía en que se produza un cambio na Xunta coa derrota do Partido Popular.

Nunha entrevista en Europa Press, Gómez-Reino (A Coruña, 1980) asegura que Galicia en Común constitúe un proxecto "consolidado" no panorama político e que, ademais, conta co aval de ser unha "forza de goberno" ao formar parte do Executivo de coalición formado por PSOE e Unidas Podemos. Ao seu xuízo, iso convértea na ferramenta preferente para reunir nunha papeleta o espazo político da autodenominada unidade popular.

"Non só estamos consolidados (Galicia En Común), senón que somos unha forza que agora goberna no Estado. Creo que non é pouca cousa. Galicia en Común é a primeira forza política galega que forma parte dun goberno en España na historia", destacou o deputado pola Coruña da coalición subscrita en Galicia por Podemos e Esquerda Unida para as xerais do 2019.

Unha alianza da que caeu Anova, a 'terceira pata' da coalición En Marea que logrou ser segunda forza en Galicia nas xerais de decembro de 2015 con máis de 400.000 votos. O líder de Podemos Galicia evita comentar as críticas lanzadas pola dirección da formación nacionalista aos seus socios polo trato recibido no último ano e di compartir a opinión de Anova de que é necesario ensanchar o espazo político para recuperar o terreo perdido nos últimos procesos electorais.

Así as cousas, mentres PSdeG e BNG xa teñen o seu candidato á Presidencia da Xunta e coa data das eleccións na man do xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo; aínda é unha incógnita como concorrerá o espazo político da 'unidade popular' a unhas autonómicas previstas para outono.

Por iso, Antón Gómez-Reino cre "evidente" que "no inicio da primavera ten que estar a maquinaria política perfectamente engrasada" para lograr os obxectivos de "acabar co PP e Feijóo" e recuperar o "liderado" na esquerda galega.

DEFENDE EN COMÚN COMO FERRAMENTA ELECTORAL

Para o deputado, Galicia En Común é a fórmula que debe aglutinar os diferentes actores do espazo político de cara ás eleccións galegas, dada a súa condición de forza "de goberno" con Yolanda Díaz sentada no Consello de Ministros á fronte da carteira de Traballo.

"Demostramos que somos de fiar. Dixemos que estariamos no goberno e estamos no goberno. Dixemos que iamos subir as pensións ao IPC e fixémolo na primeira semana de goberno. Dixemos que o SMI ía subir connosco e fixémolo na segunda semana de goberno", resaltou.

"A fórmula Galicia en Común está consolidada. Agora ben, e sempre o dicimos, as portas están abertas. Non sobra ninguén", incidiu Gómez-Reino, que recoñece contactos para sumar a Anova, organización que na súa última asemblea nacional aprobou un documento político no que expresaba as súas dúbidas sobre o posible percorrido de En Común como ferramenta electoral se se trasladaba ao panorama autonómico.

Cuestionado sobre esta postura expresada nunha tese na que Anova tamén censuraba o trato recibido por EU e Podemos no último ano, Gómez-Reino non quixo comentar "documentos políticos doutras organizacións", aínda que di "compartir" coa organización nacionalista que o espazo político ha de ser "ensanchado". "Compártoo cos compañeiros de Anova e con quen sexa", apostilou.

Nesta liña, apunta que o obxectivo é realizar "ferramentas moi amplas" para recuperar o terreo perdido nos últimos tempos, que cre consecuencia dun "proceso de maduración" mantido ao longo deste cinco anos nos que, ao seu xuízo, houbo "altos e baixos" propios dunha organización política "tan nova" como Podemos e o espazo do 'rupturismo'.

"É certo que en moitas experiencias de goberno, que foron moi positivas, non soubemos explicar todo o ben que era necesario as políticas que fixemos. E agora que maduramos hai que saber explicar mellor á cidadanía o noso proxecto político", teorizou o portavoz no Congreso de Galicia En Común, que evita pronunciarse sobre o xesto do líder de En Marea, Luís Villares, quen se abriu a retomar os contactos co partido morado. "O noso camiño é o de construír unha alternativa forte e cohesionada. E é o que estamos a facer".

"PERFIL DO CANDIDATO"

Ao longo das últimas Gómez-Reino manifestou que ten "claro" cal é o "perfil" da persoa que debe encabezar a candidatura á Xunta. Reitérao nunha entrevista en Europa Press na que afirma que "é unha fortuna que haxa tantos referentes no espazo político" e apela a que "o conxunto da militancia diga quen ten que ser" ese candidato.

Cuestionado sobre se estaría disposto a asumir ese posto, di estar "moi contento cos resultados dos últimos meses" tras o ciclo electoral que se pechou coa conformación do Goberno entre PSOE e Podemos. "E a partir de aí, respectar os tempos da miña organización", engade, antes de remarcar que, tras conseguir ser parte do Executivo no Estado, "o obxectivo fundamental é gobernar Galicia".

"Desde logo que desde Podemos Galicia e Galicia en Común imos tomar moi serio ofrecer aos galegos a mellor ferramenta para lograr o cambio en Galicia", incidiu Gómez-Reino, que apela a "non subestimar" ao PPdeG ante a cita coas urnas, aínda que cre que "xa existe unha maioría social a favor do cambio no país que se manifestou en diferentes ocasións".

GOBERNO NO ESTADO

Por outra banda, confía en que o goberno no Estado composto polo PSOE e o seu partido, Podemos, estea á altura da "responsabilidade histórica" e das "altas expectativas" que, di, ten nel depositada "a cidadanía progresista, que é moi esixente".

"Aprendemos que hai que dar os debates publicamente, pero a partir de aí, creo que as decisións dun goberno teñen que dar certezas", sentenza Gómez-Reino nunha entrevista en Europa Press na que subliña que o goberno debe "parecerse á sociedade" e así "seguir garantindo que o Estado español siga sendo un territorio no que as políticas autoritarias e nacionalpopulistas non teña a mesma entrada que tiveron noutros lugares de Europa".

200 MILLÓNS DO IVE

Unha das primeiras polémicas relacionadas con Galicia ás que ten que facer fronte o recentemente creado Goberno central é a negativa a devolver os 200 millóns que debe á Xunta pola recadación do IVE do ano 2017.

"Eses 200 millóns teñen un responsable e un nome", aseverou o deputado de Galicia en Común, que lembra que a reforma da lei do IVE se produciu co PP na Moncloa e Cristóbal Montoro á fronte do Ministerio de Facenda. "Este problema é por unha reforma de Montoro que Feijóo aplaudiu", engadiu.  Con todo, recoñece que "é evidente" que o Goberno central se "ten que comprometer con darlle solución a esta situación".

O secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, posa tras unha entrevista con Europa Press, na praza da Quintana de Santiago a 23 de xaneiro de 2020.  Álvaro Ballesteros - Europa Press
O secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, posa tras unha entrevista con Europa Press, na praza da Quintana de Santiago a 23 de xaneiro de 2020. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 eu tamen quero poltrona

claro. os sistemas piramidais i esquemas Ponzi comprenlle idiotas uteis. a estes tamen. ad maiorem gloriam dos parasitos.