Luís Villares descarta acordos preelectorais con Podemos e abre a porta a pactos co BNG

O líder de En Marea rectifica a súa postura, pero deixa claro que "por máis diferenzas que tivesen" ambas formación, chegarán "a un acordo" logo das eleccións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2020 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, rectifica a súa postura e descarta acordos preelectorais con Podemos Galicia para presentarse nunha candidatura unitaria aos comicios autonómicos, pero está "aberto a un diálogo franco" despois de que se coñezan os resultados.

O portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela/Galicia (España) a 16 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press
O portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela/Galicia (España) a 16 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press

Así o declarou esta mañá o líder do partido En Marea nunha entrevista en Radio Nacional Española, recollida por Europa Press. Cre que "como forza soberanista" debe "pospor ao resultado electoral calquera alianza con forzas non soberanistas", como cualifica a Podemos Galicia. Isto supón un claro guiño ao BNG para chegar a un acordo.

En todo caso, Villares asegura que aos potenciais votantes En Marea non permitirá "que haxa un goberno do PP se non ten maioría absoluta, que non van ter". "Por máis diferenzas" que tivesen En Marea e Podemos, Villares sostén que chegarán "a un acordo" para cumprir co "interese xeral" e "recuperar os dereitos e a ampliación de liberdades" en Galicia.

Ao seu xuízo, o escenario político galego (como o español e o europeo) atópase ante "o fin do bipartidismo e a consolidación do pluripartidismo". Por iso, está seguro de que "a alternativa progresista en Galicia vai ser cooperativa e necesariamente plural". Se deles depende a conformación de Goberno tras as eleccións autonómicas, "haberá unha alternativa a Feijóo".

MARILÓ CANDEDO, NOVA DEPUTADA

Por outra banda, confirmou que este luns Mariló Candedo asumirá a súa acta como deputada para o posto que deixou libre o deputado de Grupo Común da Esquerda Manuel Lago, que pasou ao equipo de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo. Coñécese que Candedo solicitará a entrada no Grupo Mixto, con Villares, e desta forma restará un escano á terceira forza no Parlamento galego, Común da Esquerda.

Neste sentido, Villares explicou que aínda que En Marea forme o Grupo Mixto no Pazo do Hórreo, "a organización política existe e a representación institucional" está asegurada polos "deputados de En Marea". Agora gustaríalles "ser recoñecidos como calquera outro grupo".

No caso de que iso non suceda, "nas eleccións a cidadanía" colocaraos " no lugar que decida". Ademais, lembra que En Marea xa traballa como "grupo político no Parlamento" e destaca que no último semestre foi "o que presentou máis iniciativas parlamentarias en proporción ao número de deputados por grupo".

"FEIJÓO ESTÁ A ENGANARNOS"

Na conversación deste domingo, Villares abordou asuntos de actualidade relacionados con Galicia. Sobre a débeda dos 200 millóns de euros que o Goberno autonómico reclama ao Estado polos pagos do IVE de 2017, o portavoz de En Marea súmase á reclamación, pero apelou á responsabilidade do presidente e a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "que di unha verdade e unha mentira".

"A verdade é que non se nos pagaron 200 millóns de euros que se nos debían do IVE, a mentira é que Feijóo oculta que Montoro, sendo ministro durante o Goberno de Mariano Rajoy, foi o que fixo unha reforma de sistema de liquidación do IVE que fai que agora non se nos poida pagar", argumentou.

Ademais, lembra que hai un ano existiu a posibilidade de "reformar a lei" para modificar as condicións deste pago, pero "o PP votou en contra" porque aos populares "non lles interesa o diñeiro para Galicia", senón que lles interesa "confrontarse co Goberno de España para crear un antagonismo que lles permita fortalecerse nas eleccións. Iso é xogar cos dereitos e esperanzas da xente e utilizarnos a todos como reféns".

Na mesma liña manifestou que "todos os galegos teñen que saber que quen aprobou esta lei foi Montoro e que o que non se pode é crer cos ollos pechados o que di Feijóo, porque Feijóo nos está enganando como nos enganou co paridoiro de Verín". Ademais, considera que "a vía xudicial está avocada ao fracaso".

TRENS E ESTATUTO PARA ELECTROINTENSIVAS

Da mesma maneira, Villares aludiu a que o atraso da chegada do AVE "non é o que máis interesa" aos galegos. Á cidadanía interésalle máis "que o tren de proximidade e de media distancia funcione ben" e que se solucione "a situación infame dos portos exteriores que non poden acoller mercadorías interoceánicas" porque carecen de conexións ferroviarias.

Ademais, pensa que o Estatuto para as electrointensivas supón "enfrontarse ao lobby das eléctricas" e dubida que "haxa un documento que lles faga fronte realmente" e que diminúa "o recibo da luz para as familias, que é absolutamente inasumible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gustavo

O grupo que vos meta nas listas ou se coaligue con vós, rebentadores de grupos, serían uns auténticos catetos ou suicidas. E ao marxe de outras consideracións, non creo que os do bloque sexan tan parbos. Good bye, Villares!

3 Desperado

É desesperante que en certa medida a victoria de Feijoo depende do que decida este homiño.

2 Desbloqueado

Nin caso. Deixémolos morrer e desaparecer na máis absoluta indiferencia.

1 Que melena tes Viyares

Acordo en que, se despois das eleccións non volveremos saber de ti?