O Concello de Ourense aproba inicialmente os seus orzamentos para 2020 con toda a oposición en contra

PSOE, BNG e Ciudadanos basean o seu rexeitamento en bloque en criterios de "ilegalidade" e táchanos de "ocos e baleiros".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 27/01/2020 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Ourense aprobou este luns, de maneira inicial, os orzamentos para o ano 2020, que ascenden a 103.126.170 euros. A proposta saíu adiante cos 14 votos a favor do equipo de goberno (DO-PP) e os 13 votos en contra da oposición (PSOE, BNG e Cs).

Pleno do Concello de Ourense.
Pleno do Concello de Ourense. | Fonte: Europa Press

A edila de Facenda, Ana Morenza, empregou para defender o documento as mesmas palabras que usou para referirse a eles o día en que se fixo público o seu borrador, ao esgrimir que "son orzamentos realistas, rigorosos e os máis sociais da historia do Concello".

Na mesma liña foron as declaracións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que falou dunha "xornada histórica tras seis anos sen contar con orzamentos".

Ana Morenza explicou que "é un orzamento que pensa no benestar da cidadanía", para sinalar que "conta cun incremento máis que notable nas partidas destinadas á promoción do comercio local e aumenta un 6% con respecto a 2014 o gasto previsto en educación e cultura".

Á súa vez, tamén recalcou que os orzamentos contemplan "un incremento do 11% en materia de seguridade cidadá, ao ser esta una das cuestións que máis preocupa á cidadanía ourensá; sen esquecerse do apoio decidido ao deporte de base con prestixio a nivel nacional".

A OPOSICIÓN FALA DE "ILEGALIDADE"

A oposición baseou o seu rexeitamento a estes orzamentos aludindo á "ilegalidade" do documento. En concreto, PSOE e BNG decidiron non presentar emendas ao texto, alegando que "non ten sentido emendar algo que é ilegal".

Pola súa banda, Ciudadanos rexistrou unha emenda á totalidade que foi rexeitada por non cumprir os requisitos que se fixan no Regulamento Ordinario.

En concreto, o portavoz do BNG, Luís Seara, fixo referencia ao "demoledor informe do interventor" como órgano fiscalizador encargado de "determinar que é legal e non".

Neste punto, a edila de Facenda e o rexedor replicaron que, "a pesar de que o informe da intervención é desfavorable, como foi durante os últimos anos, incluído no de 2014, actualmente vixente, existen informes doutros funcionarios que o avalan".

Un punto que a oposición, en concreto o BNG, tamén refugou ao dicir que "nin sequera o asesor xurídico fixo un informe favorable do documento".

A oposición coincidiu en pedir "a devolución deste documento" porque "non é equilibrado e incrementa a débeda oculta con empresas como Viaqua e Urbanos de Ourense". Tamén criticaron a "ausencia de negociación colectiva" e censuraron que "a relación de postos de traballo non orza os postos actualmente presentes".

Pola súa banda, o portavoz de Ciudadanos, Pepe Araújo, manifestou que "os orzamentos non cumpren coas expectativas da cidade nin reflicten para nada a realidade de Ourense".

Neste contexto, por parte da formación laranxa reiterouse que "non aparece reflectida a partida necesaria para cumprir coas súas obrigas con Sogama ou Urbanos Ourense, entre outros". Ademais, criticou a falta de partidas para a protectora de animais, a aposta polo termalismo, os polígonos industriais ou as festas de San Martiño.

Mentres que o portavoz dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino, advertiu ao goberno municipal de que "poden estar a incorrer nun delito de prevaricación" ao votar a favor do documento.

Por parte do grupo municipal socialista cualificaron os orzamentos de "ocos, baleiros e un mero trámite para bater unha marca de rapidez". Ademais concluíron que "son un simple curta e pega de Ana Morenza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta