O PP oponse a despenalizar a eutanasia porque "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte dos galegos"

Os 'populares' tomban unha proposición de En Marea para pedir no Congreso a modificación do Código Penal e garantir "o dereito a unha morte digna".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2020 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia expresou este martes o seu rexeitamento a despenalizar a eutanasia no Estado, xa que consideran que "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte que ten a sociedade galega".

Ramón Sampedro
Ramón Sampedro | Fonte: TVE.

Así o expuxo a deputada Julia Rodríguez Barreira durante o debate dunha proposición de lei para a súa remisión ao Congreso dos Deputados na que En Marea expuña unha modificación do Código Penal para facilitar o dereito dos pacientes terminais ou con graves patoloxías a ter unha "morte digna".

A proposta quedou finalmente rexeitada pola oposición do Partido Popular que, en liña coa postura que mantén a organización en todo o Estado, rexeita despenalizar a eutanasia por considerala "fóra dos parámetros éticos".

Ademais, os populares galegos consideran que a lei de dereitos e garantías da dignidade dos enfermos terminais, aprobada en 2015 no Pazo do Hórreo por unanimidade, xa protexe os pacientes á hora de que poidan "acabar co seu sufrimento".

Ao seu xuízo, o Parlamento de Galicia "deu unha resposta humana aos pacientes máis vulnerables, aos terminais" a través do citado texto lexislativo do ano 2015, que recollía "o sentir maioritario dos galegos".

"Non concibo unha sociedade que trivialice a morte, que permita que haxa xente que se levante un día dobrado de dor e decida pór fin á súa vida", manifestou Rodríguez Barreira, quen asegurou que o debate sobre a eutanasia "non é un debate ideolóxico" senón "un debate sobre a sociedade do futuro".

A continuación, a deputada teorizou con que "todos" estarían "a favor da morte digna" se esta se abordase dunha "forma ambigua" pero, continuou, a eutanasia "vai máis aló". Ademais, Rodríguez Barreira criticou a proposta concreta do grupo mixto porque a súa redacción "provocaría máis problemas dos que actualmente hai" ao consistir na "despenalización sen regular" o que, ao seu xuízo, suporía "un salto ao baleiro".

Na súa quenda de peche, o portavoz do grupo mixto e líder de En Marea, Luís Villares, acusou os populares de "deshumanizar" o debate sobre un asunto, a despenalización da eutanasia, que goza dun apoio "maioritario" entre a sociedade española, indicou en alusión ás enquisas que sinalan un apoio á medida de máis do 80%.

Villares insistiu en que "unicamente" se trata de facilitar que a lei non penalice ás persoas que colaboran nun suicidio asistido e que, por tanto, non se trata de "obrigar" aos pacientes a que sigan este camiño.

"A represión penal o único que promove son as prácticas clandestinas", espetou o maxistrado lucense, que durante a súa intervención fixo referencia aos casos de Ramón Sampedro e María José Carrasco para apelar á necesidade de que o Estado garanta o dereito a un "final digno" como parte do dereito fundamental a ter unha vida digna.

O CONGRESO VOLVERÁ A DEBATELA

Este mesmo martes, a portavoz parlamenataria dos socialistas no Congreso, Adriana Lastra, confirmou que a lei para a despenalización da eutanasia do PSOE será a primeira norma a debater no primeiro pleno ordinario do Congreso desta lexislatura.

Esta lei xa foi tomada en consideración pola Cámara en dúas ocasións anteriores. A primeira, en xuño de 2018, conseguiuse grazas a un cambio na postura de Ciudadanos sobre este tema. Nun primeiro debate, sobre unha lei de Unidas Podemo, os laranxas votaron en contra, mentres que uns meses máis tarde, xa coa norma socialista sobre a mesa, decidiron absterse.

A tramitación desta norma non se puido completar debido á convocatoria de eleccións do 28 de abril e a consecuente paralización da actividade parlamentaria. A segunda toma en consideración foi en setembro de 2019, pouco antes de que se volvesen disolver as Cortes pola incapacidade de Pedro Sánchez de formar Goberno.

A deputada socialista Patricia Vilán fixo referencia a esta lei que, segundo puntualizou, "non é igual" á debatida este martes na Cámara galega, aínda que o fondo vai na mesma liña: "garantir o dereito a unha morte digna".

"A ninguén lle van a obrigar a practicar a eutanasia", remarcou, antes de pór o foco na necesidade de blindar por lei a seguridade xurídica dos profesionais, tanto á hora de prestar a axuda a un paciente para acabar coa súa vida coma se queren declararse objetores de conciencia para non facelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 McAco

Cada galego poderá decidir en caso necesario como morrer non? O que ocorre agora é que deciden as leis por el e non está nada claro que esas leis respondan aos desexos da maioría. Igual que ninguén decide que coche compras iso debe ser igual. O resto chorradas como a que acaba de dicir Feijoo.

1 hipocritas

non encaixara coa hipocresia do Opus Dei da Conferencia Episcopal e do Partido Popular.... a liberdade consiste en poder escoller cando un quer morrer